VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- A Consellaría do Medio Rural, a través do Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA), fixo efectiva, nas dúas últimas semanas do pasado mes de decembro, a transferencia de 74.683 pagamentos (que benefician a máis 40.000 explotacións agrarias) correspondentes a varias axudas directas da Política Agraria Común por un importe total de 98.855.983euros, o que supón un incremento do 1,5% sobre o volume dos pagamentos deste tipo realizados nas mesmas datas o pasado ano.
A transacción máis importante realizada correspóndese co réxime de pagamento único por explotación, desligado da produción, que se vén aplicando desde o ano 2006, e que recibiron 37.368 agricultores galegos, por un importe global de 86.405.747 euros. Esta contía supón un incremento do 1,8% (arredor de 1,5 millóns de euros máis), con respecto ao importe aboado o pasado ano 2007, grazas fundamentalmente aos novos dereitos de pagamento único que recibiron da reserva estatal as explotacións lácteas galegas que obtiveron cota no último reparto realizado (o do Plan Lácteo de 2007). Neste sentido, as xestións da Consellaría do Medio Rural ante o Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) serviron para conseguir que as explotacións lácteas que recibiron cota adicional no Plan Lácteo de 2007 obtiveran tamén novos dereitos de Pagamento Único por dita cota. Esta medida, que comezou a facerse efectiva nos pagamentos que veñen de realizarse, beneficia a un total de 1.861 explotacións galegas, que recibirán anualmente un incremento das axudas até 2013 por un importe de 2,37 millóns de euros.