COMPOSTELA (MORRAZO-tribuna).- O Xulgado Contencioso Administrativo número 1 de Santiago aceptou a solicitude do Movemento polos Dereitos Civís, e ordenou a execución provisional da sentenza que obriga á retirada das cámaras de vídeo-vixilancia ilegais do casco vello de Compostela. A resolución supón un paso máis neste caso emblemático na defensa do dereito á intimidade dos cidadáns e na loita contra a instalación indiscriminada destes dispositivos.
O xulgado reduciu ademais a desproporcionada caución solicitada polo Concello para proceder a execución provisional da sentenza, rebaixándoa dos 600,000 euros solicitados polo goberno municipal ata unha cifra de 3,000 euros. O alcalde de Santiago ve de novo censuradas por vía xudicial as súas pretensións de actuar ignorando as leis e os dereitos dos cidadáns.
A resolución do xulgado acorda a execución provisional da sentenza que en setembro deste mesmo ano condenaba ó Concello de Santiago a retirar todas as cámaras de vídeo-vixilancia do centro histórico da cidade. Nesta sentenza histórica, o xulgado censuraba con dureza “a pasividade coa que o Concello ten tratado o trámite necesario e obrigatorio imposto pola Lei”. Cómpre recordar que as cámaras non contaban cos correspondentes permisos de renovación, carecían de libro de rexistro das imaxes e mesmo funcionaran durante un tempo sen que se tivese solicitado a autorización necesaria. Vulneraban xa que logo todas as garantías recollidas na Lei de Protección de Datos para tutelar os dereitos dos cidadáns.
Redución dunha caución absurda
A sentenza se atopa actualmente pendente de recurso no Tribunal Superior de Xustiza, mais o Xulgado Contencioso Administrativo número 1 considera no seu escrito que a execución provisional da mesma á espera da decisión deste órgano non producirá “prexuízos de imposible reparación” ou “unha situación irreversible”. O xulgado critica no seu escrito as alegacións presentadas polo Concello na súa oposición á execución provisional, e o acusa de “entrar a valorar o fondo da sentenza ou ben feitos alleos ó debate procesual” nun trámite inadecuado para tal fin.
Así mesmo, o xulgado rebaixou de forma moi significativa a caución solicitada no seu escrito polo Concello para proceder á retirada das cámaras. Fronte os desproporcionados 600,000 euros solicitados nun principio, o xulgado estableceu unha contía de 3000 euros como garantía a presentar polo Movemento polos Dereitos Civís. A asociación ten previsto iniciar unha campaña de solidariedade entre a cidadanía, coa intención de obter donativos que permitan afrontar o pago desta caución que se poderán facer mediante ingreso na conta 2080/0540/44/004000724 ou mediante tarxeta na páxina do mpdc: www.movemento.org
En calquera caso, o MpDC celebra este novo paso nun proceso histórico, no que por primeira vez en Galicia os dereitos e liberdades dos cidadáns prevaleceron sobre as actuacións arbitrarias das administracións locais na procura dunha suposta maior seguridade. O Movemento agarda agora que o TSX confirme a sentenza, e que as diversas corporacións locais comecen a considerar alternativas máis moderadas para o fomento da seguridade.