08 enero 2009

A FAVEC pide responsabilidade para que Vigo e a súa área teñan Transporte Metropolitano

VIGO (MORRAZO-tribuna).- A Federación Veciñal de Vigo quere manifestar a súa satisfacción de que ao fin desde a administración se empece a traballar para sentar as bases do transporte metropolitano, dun servizo público que facilite a mobilidade da cidadanía que reside e traballa na área metropolitana de Vigo.
"Dispoñer dun sistema de transporte económico, rápido, con frecuencias e que integre de forma coordinada aos diferentes medios que operan na área (barco, autobús e tren) é unha demanda histórica na cidade de Vigo e en toda a súa área. Por todo estamos sorprendidos de que o Alcalde de Vigo non acudise á firma do protocolo para recuperar o transporte da ría e dar os primeiros pasos de cara a articular un sistema de transporte metropolitano. Que pretende negando o seu apoio á firma deste protocolo? Por que insiste en retrasar aínda máis a creación deste servizo de transporte? Ou é que o noso Alcalde, a diferencia dos que integran a área non considera importante que Vigo teña transporte metropolitano? Sexa o que sexa parécenos moi grave que o noso Alcalde non apoie as actuacións encamiñadas á creación do transporte metropolitano e pedímoslle responsabilidade e colaboración para que ao fin se implante un servizo tan necesario", explica a FAVEC.


A Federación Veciñal agradece que a Xunta inicie as xestións para dispoñer dun transporte metropolitano como o que xa opera en moitas áreas de España como Bilbao, Madrid, Barcelona… Esta entidade ponse á disposición desta administración para colaborar en todo canto estea na nosa man para implantar o transporte metropolitano e lembramos que dispoñemos de estudios e propostas que poden resultar de grande axuda.