14 enero 2009

Quintana impulsa a constitución do Consello da Rede de Centros Sociocomunitarios de Benestar

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, sinalou hoxe en Santiago que no que vai de lexislatura este Goberno ten traballado intensamente para situar ás políticas de maiores no centro do debate político. Trátase, segundo dixo, dunha aposta que veu avalada con contundencia polo compromiso orzamentario, que ten medrado nun 153%, dende os 79,1 millóns dedicados a este fin en 2006 ata os 200,1 millóns do actual exercicio. Quintana fixo estas declaracións no decurso do acto de constitución do Consello da Rede de Centros Sociocomunitarios de Benestar, un instrumento que nace como resultado das eleccións do pasado 12 de decembro nas que por vez primeira se elixiron os órganos de decisión dos 43 centros desta rede que agrupa aos centros sociais e aos fogares de maiores de titularidade autonómica.

Anxo Quintana asegurou que dende a Vicepresidencia se están a aglutinar esforzos para colocar a Galiza na vangarda dos indicadores de benestar, seguindo unha folla de ruta que pasa por estender e mellorar os dispositivos de atención e prevención nas situacións de dependencia e promover os servizos de proximidade no camiño de que as persoas maiores poidan permanecer no seu fogar o maior tempo posible, ao tempo que se busca tamén fomentar o intercambio e a convivencia interxeracional e aproveitar o capital social que achegan os maiores a través das liñas e programas de envellecemento activo.

En palabras do vicepresidente, a constitución do Consello da Rede de Centros Sociocomunitarios de Benestar vén identificar con claridade esta dirección. A constitución deste órgano representa, na súa opinión, “a culminación dun proceso de renovación democrática e a apertura dunha nova etapa de consolidación no desenvolvemento concertado das políticas para as persoas maiores”.

Quintana quixo destacar o carácter exemplar das primeiras eleccións aos Consellos de Persoas Usuarias de cada un dos centros sociocomunitarios, un proceso electoral celebrado hai un mes no que tiñan dereito a voto 95.000 socios inscritos nos 43 centros e que acadou unha participación próxima ao 60%, para elixir a 238 representantes en toda Galiza. Como resultado destes comicios, entre finais de decembro e primeiros deste ano constituíronse formalmente todos os Consellos de Usuarios e, tal e como estaba previsto, co acto de constitución do Consello da Rede, integrado polos presidentes dos consellos de usuarios e directores destes centros e polos representantes da Xunta titulares das competencias en Servizos Sociais e Benestar, dáse o último paso na articulación do novo deseño de funcionamento destes centros.

O Consello da Rede é o órgano de consulta e participación das persoas usuarias no marco da Rede de Centros Sociocomunitarios. Coa súa constitución defínese un novo escenario para a elaboración conxunta e compartida das políticas para as persoas maiores. Este órgano reunirase un mínimo de 2 veces por ano en sesión ordinaria, así como todas aquelas veces nas que sexa requirido polos seus membros con carácter extraordinario. Supón un espazo para que Goberno, persoal directivo dos centros e representantes das persoas usuarias debatan e elaboren conxuntamente propostas de cara á organización e desenvolvemento de actividades dentro da Rede. Segundo explicou Quintana, o Consello actuará como un auténtico banco de experiencias para a toma consensuada de decisións, para o diálogo e para a participación activa das persoas maiores nas políticas a elas dirixidas.

Abertos a todas as idades
O vicepresidente apuntou esta democratización dos centros como o primeiro alicerce no novo deseño da Rede Galega de Centros Sociocomunitarios de Benestar. É, segundo dixo, o primeiro paso imprescindible para levar a cabo outro dos grandes retos que se marcan para os centros e que pasa por abrir estas instalacións ao conxunto da sociedade para facilitar o contacto interxeracional. Quintana adiantou que a partir de agora calquera persoa poderá participar da programación dos centros con carácter de socia usuaria a través dunha tarxeta que así o certifique. Estas tarxetas, indicou, comezarán a expedirse nos centos en moi pouco tempo.

Catálogo de actividades
Outro obxectivo centrouno na implantación progresiva dun catálogo homoxéneo de servizos, programas e actividades en toda a rede. Neste camiño, o vicepresidente sinalou que se teñen avanzado pasos importantes cos máis de 50 programas de envellecemento activo que xestiona a Xunta de Galicia. De cara ao 2009, anunciou que está previsto estender a oferta de programas existente a máis centros, integrando novas liñas e actividades entre as que figura un programa formativo dirixido aos maiores para a prevención da dependencia. Neste senso, quixo sinalar o papel que poden xogar estes centros nas políticas de prevención da dependencia, polo que chamou aos usuarios e usuarias a implicarse nestas actividades. Ademais, apostou por dotalos dunha oferta integral de servizos de proximidade e de propostas de envellecemento activo, converténdoos nunha peza fundamental do Sistema Galego de Benestar.

Máis e mellores instalacións
Anxo Quintana recoñeceu que as prioridades do seu departamento en materia de maiores se centraron nos últimos tres anos na posta en marcha dunha Rede Galega de Centros de Día, un servizo moi necesario que era practicamente inexistente no noso país e que por tanto se considerou preferente para destinar recursos, obrigando a reducir o esforzo de investimento nos centros sociocomunitarios. Cumprido o obxectivo de contar con 57 centros de día en funcionamento neste 2009, Quintana indicou que de cara á próxima lexislatura a planificación contempla mellorar as instalacións dos centros sociocomunitarios, así como crear novos centros destas características, no marco dunha aposta comprometida coa optimización do conxunto das infraestruturas. A este respecto, dixo que o Consello da Rede constituído hoxe servirá para pór en marcha este proxecto de acordo coas opinións e os intereses dos usuarios, que son os que mellor coñecen as necesidades.