14 enero 2009

CONGRESO : BNG acuerda con otros grupos que Zapatero pase con frecuencia para que le tomen la lección

MADRID (MORRAZO-tribuna).- O BNG e todos os grupos parlamentares do Congreso, agás o PP, acordaron co grupo socialista na Deputación Permanente, que o Presidente do Goberno español compareza na Cámara Baixa no primeiro pleno de febreiro e unha vez por trimestre no vindeiro periodo de sesións. Os nacionalistas galegos asinaran a solicitude de comparecencia estraordinaria do Presidente do Goberno español polos alarmantes dados de desemprego.

Na súa intervención, Jorquera afirmou que as cifras de desempregados, máis de 3 millóns de parados, “falan por se mesmas”. Ao que hai que engadir, as prediccións de moitos analistas que pronostican que o 2009 se pechará con perto de 4 millóns de parados, así como alertou do importante descenso dos afiliados á Seguridade Social que indica “destrucción neta de emprego”.

E desde logo, subliñou, “non compartimos o optimismo do Presidente do Goberno que asegura que os dados mellorarán a partir de marzo porque segue sen haber unha estratexia clara para enfrontar a crise económica”. Lembrou que os debates económicos no Congreso aínda están recentes (en alusión aos habidos en novembro e decembro) pero que “en política os xestos son importantes” por iso é necesaria a comparecencia de Zapatero.
O BNG accedeu a que o Presidente do Executivo compareza na Cámara nas primeiras sesións plenarias de febreiro xa que tamén se acadou o compromiso de que acuda ao Parlamento trimestralmente.

A Ministra de Fomento terá que comparecer en xaneiro. O BNG critica o modelo aeroportuario

Outra das solicitudes que o BNG asinou é a comparecencia urxente da Ministra de Fomento polo caos xenerado en Barajas que afectou de cheo a Galiza. Na sesión da Deputación Permanente o BNG, e os demáis grupos, agás o PP, pactaron o seguinte calendario: o 20 de xaneiro comparecerá a Presidenta de AENA e o 27 de xaneiro a Ministra de Fomento.

Nesta cuestión Jorquera puxo de manifesto que a crise xenerada en Barajas é o resultado da falla de previsións, falla de medidas para facer fronte a tais eventualidades, e a incidencia do conflicto entre Iberia e os pilotos, xa que “aínda que se trate dunha empresa privada o Goberno non se pode inhibir dun problema con grande impacto sobre a cidadanía”.
Sen esquecer, puntualizou, a incidencia “do modelo aeroportuario existente”. O deputado do BNG afirmou que “non imos negar os problemas de descoordenación entre distintas Administracións, pero quero chamar a atención sobre un tema de grande relevancia”, en alusión a un modelo aeroportuario centralista, onde “a maioría das conexións teñen que pasar por Madrid co conseguinte colapso de todo o sistema”.
Salientou que Galiza tamén quedou illada por vía aérea e “aínda onte se cancelaron 6 voós con orixe e destino Madrid”.

Apróbase a comparecencia de Moratinos neste mes

Na orde do día da Deputación Permanente tamén estaba a solicitude de comparecencia de Moratinos pola situación en Gaza, petición que tamén formulou o BNG e que foi aprobada por unanimidade. Jorquera argumentou a necesidade de explicacións por parte de Moratinos porque o que “está a suceder na franxa de Gaza é de extrema gravedade onde xa se contabilizan máis de mil mortos, a marioría civís, ataques sistemáticos contra obxectivos civís palestinos, Israel impiden a apertura de corredores humanitarios, obstaculiza a presenza de observadores internacionais para evitar testemuñas do que son crímes de guerra”.

Para o deputado do BNG a desproporcionada reacción de Israel non se pode xustificar polos ataques de Hamás xa que “a situación ven precedida por anos de bloqueo, con miles de mortos e o reiterado incumprimento por parte de Israel das Resolucións da ONU que exixen a retirada dos territorios ocupados”.

Francisco Jorquera cualificou de “crimes contra a humanidade” a actuación de Israel, e que por riba, “permítese o luxo de emitir opinións sobre asuntos internos e manifestacións como cando no seu momento criticou ao BNG por respaldar e solidarizarse co pobo palestino”.
En opinión do portavoz do BNG, “precísase un talante diplomático máis duro e incluso que se arbitren sancións ou se suspendan as relacións con Israel en caso de que non poña fin aos desmesurados ataques que está a levar a cabo”.

Estas son as razóns esgrimidas polo parlamentar nacionalista para que Moratinos acuda á Cámara a explicar as iniciativas e xestións que o Goberno está a levar a cabo ao respeito, para que informe sobre a xira que está a facer por Exipto e Siria, e dea conta da posición da UE que se pode tildar “de inexistente e ás veces complaciente con Israel”.

Ministro de Traballo: salario mínimo interprofesional

O BNG tamén solicitou, conxuntamente con ERC-IU-ICV a comparecencia do Ministro de Traballo polo raquítico porcentaxe de incremento do salario mínimo interprofesional para 2009 (4%), que se alonxa do obxectivo gubernamental de chegar aos 800 euros.
Respeito a esta solicitude, chegouse ao acordo de que Celestino Corbacho substanciará esta cuestión na súa comparecencia de mañá para informar polas cifras do desemprego.

Jorquera puxo de manifesto que as políticas salariais son moi importantes para operar nun contexto de crise económica. Lembrou que o Estado español ten un salario mínimo moi por debaixo da media europea, e salientou que “un modelo de medre económico non se pode substentar en salarios baixos se se pretende activar o consumo”. Precísase dun maior poder adquisitivo para activar o consumo, e precisamente, un dos instrumentos que ten o Goberno é o salario mínimo interprofesional”.

Sáhara: as declaracións de Zapatero

Na solicitude que o BNG tamén efectuou para que Moratinos comparecese con motivo das declaracións realizadas por Zapatero en decembro pasado sobre o Sáhara, chegouse ao acordo de que o Ministro de Exteriores acuda á sede parlamentar a dar explicacións sobre a posición do Goberno español canto antes unha vez iniciado o periodo ordinario de sesións en febreiro.

Neste tema, Jorquera criticou as declaracións de Zapatero efectuadas o 16 de decembro con motivo da xunta bilateral con Marrocos, onde dixo que o modelo autonómico español “podería ser unha moi boa experiencia” para Marrocos na busca dun acordo co Frente Polisario no conflicto do Sáhara.
O deputado do BNG amosou a preocupación polas manifestacións do Presidente do Goberno que suporía “unha corrección da histórica posición do Estado español e como un aval a Marrocos”. “Como nacionalista séi que unha cousa é o recoñecemento dunha autonomía política e outra moi distinta o recoñecemento da soberanía dun pobo”. Reprochou tais declaracións porque van “en contra das Resolucións da ONU” e lembrou que o Estado español ten unha responsabilidade no conflicto do Sáhara, de aí a importanza de que o Ministro de Exteriores aclare “se hai un cambio de posición, que desde logo non compartimos”.