VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, pediu hoxe ás empresas do sector da automoción, e nomeadamente a Citroën, que estean á altura do importante esforzo que está a facer a Administración e establezan unha sociedade sólida coa Xunta para saír da crise.
Quintana sinalou que “estamos ante unha situación complicada pero da que deberíamos saír adiante se traballamos todos conxuntamente”, e lembrou que a Administración está a facer un esforzo importante, como demostran os máis de 10 millóns de euros que a Xunta lle inxectou ao sector. Neste labor, o vicepresidente fixo referencia tamén ao Plano de Competitividade da Automoción posto en marcha dende o Goberno central, “no que traballamos para que Galiza leve non menos de 250 millóns de euros para o sector”. “Polo tanto, estamos en condicións de pedirlle a empresas como Citroën que estean á altura da Administración”, dixo, e tendeu unha man ao traballo conxunto neste camiño. “Buscamos socios”, afirmou, no convencemento de que “podemos saír desta situación se construímos unha sociedade sólida e con obxectivos comúns entre a Administración e as empresas”.

O vicepresidente galego engadiu que o que non é compatible é que ao mesmo tempo que se están a conceder importantes fondos públicos ás empresas haxa regulación de emprego. “Non pode ser. Temos que arrimar todos o ombro”, apostilou, posto que “non ten sentido que se pida dar cartos públicos a unha empresa e se manteñan os despedimentos”. “O futuro ten que ser o mantemento dos postos de traballo. Para iso serven as axudas públicas”, recalcou.
Neste senso, declarou que “a relación de que as empresas piden e a Administración dá ten como horizonte as posibilidades reais da Administración”. “Se en realidade se manteñen os expedientes de regulación de emprego, os cartos só están servindo para cadrar contas de resultados das empresas e entón habería que pensar se é positivo dar esas axudas”, engadiu.
Debates
Preguntado polos debates electorais de cara ás eleccións do 1M, Quintana reflexionou sobre as distintas posicións que mantén o PP en relación cos debates en Galiza e no País Vasco. “Cando se convocaron as eleccións vascas e as galegas para o mesmo día algúns estaban preocupados pola interferencia dunhas con outras e eu dixen que isto non me preocupaba, pero agoar estou a cambiar de opinión”, ironizou, porque “agora resulta que aquí en Galiza o PP plantexa debates a dous mentres que no País Vasco pide debates a tres, porque din que esa é a realidade no País Vasco: non só PSOE e PNV, senón tamén PP”. “Iso está ben: predicar para fóra e facer aquí o contrario. É moi ilustrativo e seguro que vai dar moito xogo”, apostilou.
Quintana amosou a súa confianza en que isto “sirva para que haxa debates e que non sexan debates trucados”. “A non ser que Feijoo pense que para ter algunha oportunidade de gañar un debate é que non participe Quintana nel”, reflexionou. “Espero que non sexa así e que en Galiza se celebren debates atendendo á realidade política deste país” concluíu. Pola súa parte, reiterou que “vou ir a todos os que se me convide, por principios e porque sempre fun”.