19 enero 2009

Touriño aprovecha la primera piedra de la variante de Marin para dar todo un discurso sobre carreteras y seguridad viaria

MARIN (MORRAZO-tribuna).- O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, reafirmou hoxe “o compromiso público para seguir apostando, se cabe con máis forza, pola seguridade viaria coa posta en marcha dun novo Plan de Seguridade Viaria para o período 2011-2013”. “E se no pasado plan (2006-2010) investimos 280 millóns de euros, no horizonte próximo estamos a traballar na dirección de investir 365 millóns de euros, un 30 por cento máis, incrementando o esforzo sen precedentes que fixemos”, aseverou Pérez Touriño. “Non imos baixar a garda senón que imos incrementar o esforzo porque sei que así o queren os cidadáns deste país”, engadiu.

Durante a súa intervención no inicio das obras da segunda fase da Variante de Marín, na que tamén estivo presente a conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, o titular da Xunta lembrou a aposta “de país” que realizou o Executivo que preside pola seguridade viaria. “Quixemos converter e convertemos a política de seguridade viaria, de loita contra a accidentalidade e a morte nas nosas estradas, nunha política de país e, por iso, puxemos en marcha un Plan de Seguridade Viaria no ámbito da comunidade autónoma, o primeiro de todas as comunidades de España, o Plan de Seguridade Viaria 2006-2010, explicou Touriño.

Segundo remarcou, este plan significou que o investimento en seguridade viaria ascendese a 280 millóns de euros nesta lexislatura que conclúe, fronte aos 90 da lexislatura anterior, o que significa triplicar o esforzo da comunidade e do país “nunha batalla colectiva que debe seguir sendo un compromiso e unha responsabilidade de todo o país”.

Acabar cos treitos de accidentalidade, compromiso de Goberno
Na súa intervención, o titular da Xunta reiterou o compromiso do Goberno que preside “para eliminar a totalidade dos treitos de concentración de accidentes na próxima lexislatura”. “Tiñamos 86 e temos xa eliminados practicamente o 70 por cento. Na próxima lexislatura imos culminar a tarefa nesta dirección eliminando a totalidade deses treitos de concentración de accidentes”, aseverou.

Emilio Pérez Touriño lembrou que este fin de semana as estradas galegas “nos acaban de devolver de novo dor ás familias e preocupación a todos”, xa que seis persoas perderon a vida nas estradas da nosa comunidade. Por iso, o titular do Goberno galego apelou “á responsabilidade das familias, das mozas e dos mozos, dos centros educativos e de toda a sociedade para salvagardar ese valor que por enriba de todo temos: a vida”.

Neste sentido lembrou que o esforzo por reducir a sinestralidade e a mortalidade nas estradas non é só un esforzo das administracións públicas, senón un esforzo “como colectividade e país”.

“Desde o sentido, a preocupación e de acompañar ás familias que viven momentos difíciles, nesta ocasión e noutras, debemos seguir plantexando un país seguro e confiable. E un país que é seguro e confiable é o que sabe afrontar con orgullo, paixón, vocación e decisión esta batalla de seguir reducindo drasticamente a accidentalidade das nosas estradas”, concluíu o presidente galego ao respecto.

Variante de Marín
Emilio Pérez Touriño considerou a Variante de Marín, da cal hoxe se inician as obras da segunda fase, como un elemento decisivo para “defender o futuro e o emprego desta comarca”, pero tamén, “como unha aposta decisiva pola seguridade e pola redución da accidentalidade”.

Este segundo treito ten unha lonxitude de 4,4 quilómetros, completa a Variante de Marín e prolonga o traxecto de 8,6 quilómetros que entrou en servizo en setembro de 2006. Parte desde o enlace da Autovía de Marín e do ramal sur da AP-9 e chega ata a estrada Marín-Figueirido. Deste xeito, a Variante establece segundo destacou o presidente galego, “un moderno eixe norte-sur en plena franxa costeira, ao pé da ría de Pontevedra”.

“Esta estrada achegará fluidez ao tráfico e reforzará a seguridade viaria nunha zona de alta densidade de vehículos e de forte potencial turístico”, explicaron Emilio Pérez Touriño e a conselleira María José Caride. Nese sentido, a conselleira de Política Territorial indicou que os efectos inmediatos da nova Variante serán “a mobilidade, a accesibilidade e a seguridade”. Así mesmo, María José Caride detallou que a Variante de Marín está a mobilizar un orzamento total de máis de 65 millóns de euros; unha cantidade que inclúe os 14 millóns de euros que, en cofinanzamento co Ministerio de Fomento, se investirán na remodelación do nó entre as estradas PO-11 e PO-12.

Na súa intervención o titular do Goberno galego cualificou a Variante de Marín como unha auténtica “arteria vital para a comunicación da marxe esquerda da Ría de Pontevedra”. Unha infraestrutura que achega “mobilidade e calidade de vida para os cidadáns”.

Aposta polo emprego e por gañar competitividade
O xefe do Executivo galego insistiu en que a Xunta está a construír “unha potente malla de comunicacións ao redor dos portos galegos e ao longo de toda a franxa litoral”, apostando por defender “o futuro en termos de competitividade e emprego”, fundamentalmente na actual situación de crise económica.

Así, lembrou a aposta do Executivo galego “por salvagardar e defender o emprego gañando en competitividade e en investimento público, nun esforzo que imos seguir facendo e que durante todo este tempo estamos a facer”, explicou, lembrando que Galicia inviste nas grandes infraestruturas (infraestruturas viarias, transporte, vivenda,...) 4 puntos por enriba da media do Estado. “A comunidade autónoma de Galicia encabeza e lidera ese esforzo de capitalización do país”, abondou.

Potente malla de comunicacións da franxa litoral
Segundo explicou Touriño, o Goberno que preside traballa tamén para crear unha malla de comunicacións entre os portos de Vigo, Marín e Vilagarcía a través de vías de altas prestacións. Deste xeito, refórzanse as infraestruturas viarias do eixe entre O Salnés, Pontevedra e O Morrazo, conformando un espazo que queda interconectado e enlazado co norte e co sur do país. A este respecto tamén salientou a importancia da Plataforma Loxística Salvaterra-As Neves, o parque empresarial máis importante de todo o norte peninsular que permitirá mobilizar 4,2 millóns de metros cadrados de solo industrial.

Xunto con isto, o presidente galego referiuse a outras actuacións en marcha no contorno de Pontevedra, como “o anel interior de circunvalación”, a “circunvalación exterior, ligada á autovía Pontevedra-Vilagarcía e Pontevedra-Marín”, a accesibilidade ás novas infraestruturas hospitalarias ou a nova Ponte das Correntes.


Novo Hospital
“Estamos cumprindo paso a paso o comprometido para ese novo Hospital Único de Pontevedra, eses 148 millóns de euros de investimento que se están a mobilizar, para construír ese hospital do século XXI que demandaba esta área con déficit na asistencia sanitaria”, engadiu Touriño. Segundo lembrou, trátase dun hospital que contará con 847 camas, 217 novas, que duplica superficie e plantexa “unha potente oferta sanitaria”. Neste sentido, avanzou que neste mes de xaneiro o Consello da Xunta aprobará o decreto de urxente ocupación e de declaración de utilidade pública do proceso expropiatorio, de tal xeito que, “cumprindo coa palabra dada, neste mes de xaneiro se pon en marcha o proceso de expropiación e o de ocupación dos terreos necesarios para, de xeito inmediato, pasar á licitación desa grande infraestrutura sanitaria”, concluíu.