VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O Plan Galego de Acción fronte ao cambio climático atópase en fase de consultas despois de que o pasado día 22 de decembro fose publicado no Diario Oficial de Galicia o anuncio do inicio do proceso. As achegas realizadas ao documento nesta fase de exposición pública contribuirán ao proceso de actualización do Plan e á elaboración da versión final do mesmo, que será aprobado polo Consello da Xunta.
O documento permanecerá en exposición pública durante dous meses, durante os cales calquera persoa ou entidade poderá formular suxestións sobre os catro programas nos que se estrutura o Plan: o programa de mitigación, o de avaliación de impactos e adaptación, o de observación e investigación e o de educación, formación e cooperación. O Plan Galego de Acción fronte ao Cambio Climático pode atoparse na páxina web www.siam-cma.org/cambioclimaticogalicia.
A través do Plan Galego de Acción fronte o Cambio Climático, Galicia adquire o compromiso de loitar contra o quentamento global de xeito solidario co resto dos pobos da terra. O Plan é un traballo colectivo coordinado dende a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, coa implicación de todo o Goberno galego, que busca a participación da totalidade da sociedade galega.
O obxectivo do programa de mitigación é reducir 2,45 millóns de toneladas de CO2 equivalentes no período 2008-2012, a través de accións impulsadas tanto pola Xunta de Galicia como polas diferentes administracións públicas e axentes sociais. Ademais, o plan pretende dotar a Galicia dunha elevada capacidade de adaptación a este fenómeno global, adquirir maior nivel de coñecemento científico sobre este tema e educar e informar ao conxunto da sociedade sobre as causas, as consecuencias e as respostas fronte ao cambio climático