02 enero 2009

Cine Club galego na Net con novidades

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O ano 2009 comeza en Flocos.TV co rescate de catro pezas xa históricas do noso cine. A Axencia Audiovisual Galega da Consellaría de Cultura e Deporte achega ao público a través da rede un ciclo de curtametraxes producidas nos anos setenta por Víctor Ruppen que marcaron un dos puntos de arranque do audiviosual galego. Trátase de “O pai do Migueliño”, “O herdeiro”, “Fendetestas” e “O cadaleito”.

O novo ciclo poderá verse a partir desta noite na web de Flocos.TV, o cineclub do audiovisual galego en Internet. Supón o rescate do esquecemento das pezas que na década de 1970 realizaron un grupo de xente nova que pulaba por construír un cinema nacional galego, arredor de referentes identitarios como a lingua, a literatura galega ou o mundo rural.

“O pai de Migueliño”, de Miguel Castelo, está baseada nun relato de Castelao e segue a ser hoxe un dos relatos audiovisuais que mellor ilustran o drama da emigración a través dun retornado “perdedor”. “Fendetestas”, de Antonio Simón, é unha mediametraxe que aborda o mundo máxico de Wenceslao Fernández Florez a través da historia do bandido Fendetestas no bosque máxico de Cecebre.

“O herdeiro”, de Miguel Gato, aborda a fin do mundo labrego e o comezo da cultura urbana na sociedade galega dos 70. E “O cadaleito” de Enrique Baixeras, adapta un relato de Ánxel Fole ao cinema nunha traxicomedia ambientada nunha aldea galega.

As curtametraxes rodáronse en 35mm e foron producidas por Víctor Ruppen, quen actuou como verdadeiro mecenas dos comezos do cinema galego. As catro pezas viaxaron fóra das nosas fronteiras e acadaron premios e recoñecementos en numerosos festivais nacionais e internacionais. Nos seus equipos técnicos e artísticos participaron profesionais do audiovisual galego como Cabanas Cao, Vidal Bolaño, Díaz Noriega, Manuel Abad, Xan Cejudo, Paco Taxes, Henrique Banet ou Suso Montero, entre outros.

O ciclo corresponde á revisión que o “cineclub do audiovisual galego” está a realizar con gran éxito sobre as principais pezas de referencia do cinema producido en Galiza. Flocos.TV é un proxecto que pretende aglutinar a comunidade virtual do audiovisual galego na rede. A Axencia Audiovisual Galega da Consellaría de Cultura e Deporte púxoo en marcha con vocación de ser a pantalla para a produción do audiovisual galego na que convivan tanto a industria como os creadores individuais.