04 enero 2009

Sanidade carga con el mantenimiento de los 247 centros de salud que soportaban los Concellos de Galicia

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Carlos Fernández Castro e a titular da Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde, María José Rubio Vidal, asinaron un protocolo sobre a asunción dos custos de mantemento dos centros de saúde. María José Rubio Vidal salientou que “nun primeiro momento comprometémonos a asumir os gastos de mantemento de 247 centros de saúde que xa están en funcionamento; pero, na mutua vontade de dialogo e de buscar solucións, levounos a incorporar aos centros que inicialmente quedaban fora do Pacto Local”.

En concreto, a Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde asumirán o mantemento dun total de 269 centros de saúde, dos que 247 están en funcionamento e outros 22 se están a construír. Este proceso ten un custe total aproximado de 8,5 millóns de euros que agora vai a asumir o Servizo Galego de Saúde dentro dos seus orzamentos.

O presidente da Fegamp, Carlos Fernández, salientou que o emprego da expresión “acordo histórico” se pode empregar hoxe con “total fundamento” para engadir a continuación a súa constatación de que é “un convenio moi ben acollido, que vai solventar unha situación que viñamos reclamando desde tódolos concellos de Galicia, no sentido de recuperar todas as competencias que nos son propias e non asumir aquelas que non nos corresponden de xeito tan directo”.

Fixo referencia tamén ao esforzo necesario para conseguir este acordo asinado hoxe polos máximos responsables da Fegamp e Sanidade. Fernández manifestou o seu agradecemento aos equipos de traballo que foron quen de “superar as dificultades técnicas, económicas e as derivadas das casuísticas que hai que desenvolver a partir de agora en cada caso concreto”.

O presidente da Fegamp recordou que, cando se fixo cargo da Federación e lle preguntaban sobre o seu programa sempre respondía o mesmo:”pacto local, pacto local e pacto local”, e considera que “hoxe demos un gran paso adiante” no cumprimento do mesmo.

Para Rubio Vidal, con este acordo “chegamos ao cumprimento dunha das prioridades que no seu día se fixou o Goberno galego: o desenvolvemento do Pacto Local, neste caso, no eido sanitario”. Nesta liña, a titular da Sanidade pública galega salientou que “isto é posible grazas á vontade política da Xunta de Galicia expresada publicamente en repetidas ocasións polo seu presidente, Emilio Pérez Touriño, de sanear as Administracións públicas”.

O protocolo asinado hoxe establece que este proceso de asunción será, en calquera caso, voluntario para os concellos e formalizarase a través deste protocolo xeral e tamén con convenio particulares que a Sanidade pública asinará con cada un dos concellos. Así, os concellos que decidan formalizar o convenio particular comprométense a realizar todos os trámites patrimoniais e urbanísticos que sexan necesarios a fin de posibilitar a cesión patrimonial dos devanditos centros ao Servizo Galego de Saúde libre de cargas e gravames.


Máis orzamento e aposta pola participación
A conselleira de Sanidade, María José Rubio Vidal, salientou que este proceso que se iniciou no ano 2006 coa sinatura do Pacto Local agora “é posible grazas ao saneamento e ao incremento orzamentario en Sanidade que posibilita que podamos asumir estes custes”.

Rubio Vidal lembrou que “por iso, na Consellería de Sanidade lle damos tanta importancia ao saneamento da débeda de 413 millóns de euros que tiña o Servizo Galego de Saúde no ano 2005; e ao saneamento das contas das fundacións hospitalarias, grazas ao que é posible que os hospitais do Salnés, Barbanza, Cee e Verín pasen a incorporarse como centros de pleno dereito do Servizo Galego de Saúde”.

Tamén neste contexto, a titular da Sanidade pública galega subliñou “a importancia dos orzamentos da Consellería de Sanidade, e a importancia que ten o incremento dun 34 por cento, ou o que é o mesmo 1.374 millóns de euros máis para a Sanidade pública, un esforzo conxunto do Goberno galego equiparable ao realizado nos dez anos anteriores”.

María José Rubio Vidal sinalou que “estamos a facer partícipes aos concellos de Galicia na planificación e seguimento dos investimentos da Sanidade pública galega, e tamén das súas actuacións, por iso os concellos forman parte das Comisións de Participación Cidadá que temos constituído en toda Galicia, e tamén por iso, establecemos unha canle de comunicación directa a través das comisións técnicas de seguimento establecidas coas sete grandes cidades e unha oitava que imos a poñer en marcha coa propia Fegamp para o seguimento das actuacións no resto dos municipios de Galicia”.

Outra da colaboración entre a Sanidade pública galega e os concellos é o proxecto Concellos Saudables, que actualmente teñen en marcha 41 concellos de toda Galicia e que supuxo un exemplo real da participación da cidadanía nas políticas sanitarias do Goberno galego, e máis concretamente das políticas de fomento de estilos de vida saudable como arma preventiva dos principais problemas de saúde da nosa Comunidade.