02 enero 2009

Touriño da vivas a los primeros protagonismos de otro "Medtec" dentro de la Sanidad Pública en Galicia

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, subliñou hoxe que Galaria, a Empresa Pública de Servizos Sanitarios, exemplifica o cambio de modelo na sanidade galega, baseado na eficiencia, o financiamento e a xestión pública. “Estamos pois diante da expresión máxima do compromiso do Goberno e da Consellería de Sanidade co sistema sanitario público, coa súa sustentabilidade, coa súa modernización e coa súa eficiencia”, engadiu Touriño lembrando que se trata “do máximo expoñente para maximizar, reter e potenciar o coñecemento que xera a nosa organización e os seus profesionais, desde, para e por o noso sistema sanitario público”.

Emilio Pérez Touriño fixo esta valoración esta mañá, durante o acto de inauguración do Ciclotrón, o primeiro laboratorio de España financiado e explotado pola sanidade pública (neste caso por Galaria), que, segundo avanzou, “sitúa a nosa comunidade na vangarda das novas tecnoloxías en materia sanitaria”. Un acto no que tamén participou a conselleira de Sanidade, María José Rubio Vidal.

O presidente galego insistiu en que Galaria constitúe “o intento ético e responsable de demostrar que somos capaces de dar respostas sólidas, modernas e legais sen ter necesidade de privatizar a provisión de aspectos esenciais, como o fan desde outras comunidades”. Abondou, ademais, en que o obxectivo do Goberno que preside é facer de Galaria “un proxecto de empresa pública exemplar, que teña como razón de ser o apoio transversal e de calidade ao sistema sanitario público naquelas áreas do coñecemento e tecnolóxicas que superen as posibilidades de cada un dos nosos centros e niveis asistenciais, poñendo a tecnoloxía e o coñecemento ao alcance de todos”.

O titular da Xunta lembrou tamén a importancia deste órgano para o asesoramento en materia de planificación, adquisición, organización e xestión de recursos; fundamental na dotación de equipamento sanitario, dixo, e que ademais permite distribuír aos países iberoamericanos a modernidade do Plan de Tecnoloxías da Información e a Comunicación “Rede de Saúde”, para o que se está a poñer en marcha un proceso de rexistro de marcas e de establecemento de acordos de distribución do software desenvolvido.

A través de Galaria, subliñou o mandatario galego, “podemos conseguir unha importante cooperación intersectorial e a creación de sinerxías na economía galega, institucionalizando a cooperación internacional e o establecemento de acordos con entidades públicas ou privadas para a cesión, distribución e uso dos resultados dos nosos proxectos de telecomunicacións e información como a historia clínica electrónica, a receita electrónica, o portal provedor e outras ferramentas informáticas da nosa sanidade en liña”.

“Seguimos o rumbo previsto desde o inicio da lexislatura: efectuando reformas e modernizando a sanidade galega, asentando as bases do nosos sistema sanitario que é cada vez máis robusto”, remarcou, indicando que a xestión dos servizos asistenciais será sempre no ámbito do Servizo Galego de Saúde, tras a liquidación das fundacións. De feito, este ano integraranse os servizos de cirurxía cardíaca nos hospitais que os albergan, unha vez conclúa o proceso de integración do persoal xa iniciado e actualmente en fase de resolución.

Galaria e o Ciclotrón
O presidente da Xunta tamén subliñou que hoxe “hai que felicitar á sanidade pública galega” a través de Galaria, a Empresa Pública de Servizos Sanitarios, que será a encargada da posta en marcha e explotación do novo laboratorio público de radiofármacos de Galicia, inaugurado hoxe.

Galaria, que vén substituír ao antigo MECTEC reflicte, en palabras de Touriño, “o cambio de modelo na sanidade galega, baseado no financiamento e na xestión pública”. Segundo concretou o presidente, neste novo contexto, Galaria configúrase como un medio instrumental propio e de servizo técnico da Xunta de Galicia, que poderá levar a cabo accións estratéxicas recollidas no seu novo obxecto social e satisfacer as necesidades de alta tecnoloxía de forma coordinada co Servizo Galego de Saúde, cando o ámbito supere a xestión dun hospital, afecte a máis dun área sanitaria ou atinxa ao conxunto da comunidade autónoma.

Dentro desta liña, enmárcase a xestión do ciclotrón e a explotación de radiofármacos para PET que, tal e como avanzou Touriño, nun futuro poderá estenderse ao resto de hospitais, incluíndo o diagnóstico por imaxe con PET en hospitais comarcais. “Con isto conseguimos que o control desta actividade, tan estratéxica como peculiar, siga en mans públicas a través de Galaria, en lugar de subcontratala con entidades privadas, como ocorre no resto de autonomías”, puntualizou.

4 millóns de euros
Na súa intervención, o titular do Goberno galego explicou que no Ciclotrón, situado á beira do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, se investiron 4 millóns de euros.

Segundo explicou Pérez Touriño, esta iniciativa forma parte dun complexo proceso de elaboración de radiofármacos, que unha vez producidos poden ser introducidos no corpo humano, sendo determinantes para unha mellor diagnose mediante unha tomocámara detectora de positróns (PET). O novidoso desta técnica, segundo avanzou, é que permite obter, non só imaxes anatómicas, senón que é capaz de detectar o comportamento anómalo das células antes de que formen un tumor visible ou detectable por outros medios. “En definitiva –afirmou o presidente galego-, o PET permite baixar os límites de detección das patoloxías no momento en que aínda non presentan un signo físico, nin outra sintomatoloxía”.

“Ata agora, os radiofármacos eran adquiridos a outros laboratorios e chegaban dúas veces ao día desde Madrid”, indicou Touriño, engadindo que “agora temos o orgullo de contar co primeiro laboratorio de España financiado e explotado integramente pola sanidade pública a través de Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, e o que resulta máis importante, que este laboratorio representa a garantía de subministro actual e futuro de radiofármacos a todas as tomocámaras PET que poda ter o Servizo Galego de Saúde”.

Novas adquisicións para os hospitais de Vigo e A Coruña
Neste sentido, o máximo mandatario autonómico avanzou que está previsto que, neste mesmo mes de xaneiro, entre en funcionamento unha tomocámara PET de última xeración no Hospital de Vigo e que, “proximamente”, está previsto poñela en marcha no Hospital da Coruña.

Así mesmo, insistiu en que, a posta en marcha do novo laboratorio non só permitira abaratar os custos “que ata agora realizabamos coa adquisición dos radiofármacos a outros laboratorios de fóra de Galicia”, senón que tamén a comunidade estará “en disposición de fabricar os radiofármacos que cubran as nosas necesidades a un menor custo e incluso poderemos comercializalos”.

“A principal idea que quero subliñar e que resulta novidosa respecto ao resto de ciclotróns instalados en España, é a aposta da sanidade galega pola súa explotación pública”, engadiu asegurando que a posta en marcha da Unidade de radiofármacos PET Galicia “é un claro exemplo do obxectivo pretendido polo Servizo Galego de Saúde”, onde Galaria, como organización do propio sistema público de Galicia, realizou o estudo de mercado, deseñou o laboratorio de produción, puxo en marcha a súa construción e agora o está a explotar, garantindo así que esta infraestrutura estea ao servizo da cidadanía, dos profesionais e da comunidade científica galega.

Vantaxes da unidade de radiofármacos
Na súa intervención, o presidente galego tamén se referiu a que esta nova unidade de radiofármacos vai reportar novos beneficios para a sanidade pública galega. En primeiro lugar, pola súa localización “estratéxica” en Santiago de Compostela, o que garante “a loxística da subministración”.

Outras das posibilidades que reporta é realizar investigación, xa que o Laboratorio conta con zonas específicas para proporcionar soporte aos programas de investigación tanto no ámbito clínico como no da investigación básica. Conta cunha planta adicional para instalar nun futuro un “minipet” para investigación de radiofármacos en animais e ten un deseño para poder engadirse unha nova planta. “O noso obxectivo é chegar a ser un referente internacional”, subliñou o presidente da Xunta indicando que, con esta filosofía, o laboratorio se dotou de espazos e equipamentos específicos e se creou unha comisión específica para a avaliación dos proxectos de investigación, integrada por profesionais dos hospitais da comunidade e científicos das universidades galegas.

De igual xeito, a unidade forma parte das redes de investigación na imaxe molecular e goza dunha relación fluída con profesionais do panorama nacional e internacional, tendo as portas abertas á colaboración con centros de referencia na materia. Tamén garante a formación de profesionais para o futuro (xa se iniciaron os trámites para que sexa nomeada unidade docente para a formación de especialistas en radiofarmacia e acolle, ademais, traballadores de Formación Profesional, con novas alternativas laborais para técnicos en electrónica e sistemas).

Por último, garántese a eficiencia da tecnoloxía PET. Neste sentido, Pérez Touriño destacou a súa importancia na oncoloxía, indicando que hai estudos sobre a utilidade clínica da PET na detección dos procesos tumorais que indican que a PET cambiou o tratamento previsto nun 79 por cento dos casos; que evitou a realización de probas diagnósticas invasivas nun 76 por cento de pacientes e evitou terapias innecesarias nun 76 por cento dos casos. Ademais, desta técnica non só se beneficiarán potenciais pacientes con procesos tumorais, senón que servirán para os doentes con outro tipo de patoloxías en fases incipientes, como as cardiopatías e as patoloxías neurolóxicas, como o alzheimer, o párkinson e a epilepsia.

Visita á Escola de Pediatría Camilo José Cela
Previamente ao acto de inauguración do laboratorio público de radiofármacos de Galicia, o presidente da Xunta visitou aos cativos internados no Hospital Clínico Universitario de Santiago. Con motivo das festas de Nadal, Emilio Pérez Touriño trasladouse, coma todos os anos, á Escola de Pediatría Camilo José Cela, onde lle desexou aos cativos que permanecen internados nestas datas unha pronta recuperación. Pérez Touriño compartiu parte da mañá cos rapaces, aos que lles trasladou os mellores desexos para o ano novo e lle fixo entrega dalgúns agasallos.

Durante a visita, o titular da Xunta estivo acompañado pola conselleira de Sanidade, María José Rubio Vidal, así como polo director operativo do Hospital, Félix Rubial; pola directora de Enfermaría, Begoña Freire; e polo xefe de Servizo de Pediatría, Rafael Tojo.