13 enero 2009

Touriño, dispuesto a abrir otra "embajada" de la Xunta en el extranjero : esta vez en Lisboa

LISBOA (MORRAZO-tribuna).- “Creo que hai unha demanda, que se me está dicindo, que se precisa, que se quere, que sería bo que Galicia tivese unha presenza directa e estable, institucionalizada, eficaz na capital de Portugal. Hai unha demanda que, como presidente non me cabe máis que tomar nota dela, entendela, asumila e definila”. Así respondeu o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, á petición formulada polo empresariado no transcurso dunha cea organizada pola Cámara de Comercio Hispano Lusa, un encontro no que participaron máis de 250 empresarios lusos e galegos asentados na capital portuguesa.

“Téñome que sentir satisfeito de que esa demanda exista, de que se produza e se plantexe con tanta nitidez e intensidade”, engadiu o presidente galego ao respecto, quen indicou que foi unha posibilidade abordada xa no encontro que mantivo onte pola mañá co primeiro ministro luso, José Sócrates.

“Creo que podo asumir ese compromiso”, aseverou explicando que os recursos son limitados pero que hai que prestarlle atención tamén “ao que temos máis preto”, a pesar de que ás veces se pondere menos, se dea por feito ou por natural.

Emilio Pérez Touriño explicou que, se se atende ás cifras e ao volume de negocio, de comercio, de actividade e de cooperación entre Galicia e Portugal, e á súa proximidade xeográfica e lingüística, “hai que facer a conclusión de que probablemente onde teña máis sentido, onde sexa máis viable e rendible -e xa que estratexicamente Portugal é a nosa referencia na política exterior-, pois sexa aquí onde teñamos unha presenza institucionalizada que permita cubrir todas e cada unha das facetas, basicamente a económica, a turística e a cultural”, engadiu.

“Lévome esta tarefa e lévome este encargo, filtrarémolo, terei que falar co conselleiro de Economía, pero creo que vale a pena. Quedo coa proposta que se fai hoxe aquí e co compromiso de estudalo seriamente e con vocación de resolvelo”, aseverou o titular da Xunta ao respecto indicando que pretende cumprir e que espera “ter a ocasión de estar en Lisboa inaugurando a representación de Galicia aquí”. Unha representación que, segundo manifestou, “temos que deseñar ben para que sexa útil e para que sirva estritamente ás necesidades”. “Teremos ocasión de falar con detalle disto. Imos falalo alá e acá e imos poñer en marcha ese obxectivo para a próxima lexislatura. Estou seguro que Galicia a acometerá na próxima lexislatura”, concluíu ao respecto.

Cambio experimentado en Galicia
Durante a súa intervención no marco do relatorio Presente e futuro de Galicia, que pronunciou onte á noite en Lisboa, Pérez Touriño tamén se referiu a que a comunidade galega experimentou nos últimos catro anos unha forte transformación política, social e económica. Unha transformación que, indicou, “dista moito de responder a unha casualidade, e susténtase en dous eixes fundamentais: por un lado, o cambio político que trouxo un cambio na orientación estratéxica da política económica do Goberno de Galicia e, por outro, o feito de que os cidadáns galegos modificaran sensiblemente a percepción que teñen de si mesmos e do seu papel no sistema. A sociedade galega ocupou o centro do escenario, revelando un dinamismo inédito e rachando coa visión resignada acerca do seu propio futuro”.

“Nestes últimos anos, pasamos de ocupar as últimas posicións de desenvolvemento económico dentro do Estado Español, a situarnos entre as comunidades que lideraron o crecemento económico e a xeración de emprego”, remarcou Pérez Touriño, quen aportou os datos que reflicten esta evolución. Así, o presidente galego explicou que, desde 2005, Galicia “pisou o acelerador” pasando de ritmos de crecemento económico do 3% a superar o 4% “acumulando 11 trimestres crecendo por enriba da economía española”.

O presidente galego salientou o “dinamismo empresarial” rexistrado nos últimos anos en Galicia que se reflicte tanto no incremento da inversión produtiva, como no número de empresas e, sobre todo, no establecemento na comunidade de proxectos empresariais de alto impacto innovador. Explicou, tamén, como as exportacións ao estranxeiro das nosas empresas gañaron máis de tres puntos e medio de peso no noso PIB, ao tempo que acadamos unha taxa de cobertura do noso comercio exterior do contorno do 100%. Pérez Touriño destacou que este progreso tamén trouxo consigo un incremento do salario medio en Galicia superior ao da media de España e asegurou que, entre 2004 e 2007, a Comunidade conseguiu converxer máis de catro puntos coa economía española e máis de oito coa da Unión Europea.

A crise económica, o momento das políticas máis progresistas e socialdemócratas
“A diagnose que lles acabo de mostrar está incompleta. Falta a parte máis recente do relato, á da crise económica que está golpeando a economía mundial”, continuou o presidente galego, quen asegurou que, neste momento de dificultades, “son de novo as políticas máis progresistas e socialdemócratas as que están a vangarda”.

Nesta liña, Pérez Touriño asegurou que as políticas económicas e de desenvolvemento territorial aplicadas pola Xunta nos últimos anos están posibilitando que, a pesar da súa gravidade, o efecto da crise sexa menor en Galicia. O presidente galego manifestou que a crise é unha oportunidade para a acción e para a reflexión porque e sinalou que esta situación esixe coordinar e concertar as políticas de reacción cos axentes sociais e o resto de administracións. “A crise é tamén un momento no que os cidadáns esperan o mellor dos seus políticos. A sociedade esixe capacidade de liderazgo e o convencemento de que é a hora da política, con maiúsculas”, remarcou Pérez Touriño, deixando “a un lado aquilo que nos separa e que nos divide” e incidindo “no que nos une”.

Así, o titular da Xunta explicou que o seu Goberno está respondendo, e lembrou que Galicia foi a primeira comunidade autónoma en anticiparse á crise introducindo medidas nunha triple dirección: estimular o financiamento ás empresas, estender a protección social e o apoio ao emprego, e impulsar a obra pública. Pérez Touriño destacou que a primeira batería de medidas se puxo en marcha en xaneiro do ano pasado e explicou que, no tocante ao impulso da obra pública, a licitación creceu un 34% o ano pasado e chegou aos 1.000 millóns de euros nas infraestruturas de transporte. Destacou, tamén, a sinatura do Acordo pola Competitividade cos axentes sociais, e explicou que inclúe case 300 medidas e mobiliza un orzamento de 7.886 millóns de euros durante os próximos tres anos.