13 enero 2009

Ánxela Bugallo anuncia na súa visita á Guarda a adxudicación do plan director de Santa Trega

A GUARDA (MORRAZO-tribuna).-A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, visitou esta mañá A Guarda, acompañada polo director xeral de Patrimonio Cultural, Felipe Arias, e polo rexedor local, José Manuel Domínguez, presentou o proxecto do plan director de Santa Trega, xunto con Mario Crecente, director do mesmo. Ademais, a conselleira visitou o Castelo de Santa Cruz e anunciou o inicio das obras do centro de interpretación que estará ubicado ao seu carón.

Ánxela Bugallo destacou na súa visita a importancia do plan director de Santa Trega xa que supón a creación dun gran parque cultural musealizado e aberto no que se inclúen o xacemento castrexo e galaico-romano, un centro de interpretación na Casa Forestal, e un percorrido cultural no que se integra unha parte da zona de Camposancos Vello, onde se atopan os restos dunhas construcións medievais que poderían formar parte dunha granxa vinculada ao Mosteiro de Oia.

O plan director, que conta cun investimento de 232.000 euros, fixará as actuacións para a conservación e posta en valor dos bens culturais do conxunto, e preparará accións encamiñadas a potenciar a riqueza patrimonial desta zona. Este proxecto integral inclúe ademais a elaboración dunha ficha exhaustiva dos elementos do parque así como un estudo dos accesos e dos fluxos de visitantes, a corrección do impacto das infraestruturas xa existentes e a creación dunha ruta cultural.

Coa redacción deste plan, que estará rematado a comezos de 2010, complétase unha serie de intervencións realizadas pola Consellaría de Cultura e Deporte para a posta en valor do xacemento. Así, nos últimos 3 anos, este departamento investiu cae 75.000 euros na limpeza, escavación e acondicionamento do castro, incluída a reconstrución dunha das vivendas do castro e a renovación das salas de exposición do Museo do sitio.

Santa Cruz como centro de referencia

A conselleira de Cultura destacou que a posta en marcha do centro de interpretación do Castelo de Santa Cruz vaino converter no punto de referencia das construcións militares situadas ao longo da Raia. As obras, que comezarán en breve, contan cun orzamento de 434.000 euros e un prazo de execución de catro meses e medio.

O centro estará dotado dos recursos didácticos necesarios para comprender a función defensiva destas edificacións e os valores da arquitectura de fronteira como un eido diferenciado doutras formas de construción. O proxecto inclúe tamén a creación dun xardín botánico dentro das súas murallas aproveitando as especies arbóreas únicas que se atopan no interior do castelo.

Programa Fortrans

A recuperación das fortalezas da Raia busca potenciar o atractivo turístico e a actividade económica a ambas beiras do Miño. Unha iniciativa que forma parte do programa Fortrans, xestionado conxuntamente pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, a Cámara Intermunicipal do Vale do Minho, a Cámara Municipal de Valença e a Cámara Municipal de Monçao.

Neste proxecto, as administracións galega e portuguesa colaboran para recuperar e preservar un legado histórico e cultural, que aínda que orixinalmente tiña a función de separar a ambos países, agora serve para reforzar os seus lazos de unión.

A Consellería de Cultura e Deporte está a recuperar parte das construcións defensivas situadas no Baixo Miño. As actuacións rehabilitadoras desenvólvense en seis fortalezas: Santa Cruz (A Guarda), o forte dos Medos en Tomiño, San Lourenzo de Goián e Nosa Señora da Concepción de Goián pertencentes tamén ao municipio de Tomiño, a torre de Fornelos en Crecente, e mais a fortaleza de Salvaterra do Miño. Todas estas fortalezas foron construídas no século XVII, agás a torre de Fornelos, que é de orixe medieval.

O proxecto está financiado nun 75% con fondos europeos do Interreg III e conta con 1.350.000 € en intervencións no territorio galego.