03 octubre 2008

O virus do mosaico Arabis aparece no Salnés

PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- A Estación Fitopatolóxica do Areeiro ven de presentar no XIV Congreso da Sociedade Española de Fitopatoloxía, que este ano tivo lugar na cidade de Lugo, os resultados que certifican a presenza do virus do mosaico do Arabis, tras ter detectado o organismo dependente da Deputación as súas primeiras mostras en dúas plantacións de Albariño na comarca do Salnés e máis recentemente na Rioxa Alavesa.
O virus do mosaico Arabis é un dos nepovirus europeos responsables da dexeneración infecciosa da vide. A súa distribución, fundamentalmente centroeuropea, nunca se tiña atopado sobre vide no noso país. Debido a esta asociación con viticulturas de clima fresco, xa se tiña buscado con anterioridade, sen éxito, en Galicia. Tampouco se detectara ningún caso nos ensaios biolóxicos e serolóxicos que se levaran a cabo para a selección clonal de variedades vitícolas de todas as zonas vitícolas españolas durante máis de vinte anos.
Os dous primeiros casos, detectados mediante á técnica ELISA, apareceron no verán do 2007 en sendas plantacións establecidas da variedade Albariño da comarca do Salnés, pertencentes á Denominación de Orixe Rías Baixas.
Na primavera de 2008, detectouse na Rioxa Alavesa nunha viña comercial de Tempranillo sobre 41-B, duns 25 anos. O Arabis apareceu en dúas cepas contiguas, en infección mixta con outros virus frecuentes na parcela. Non se observaron síntomas foliares peculiares.
Epidemioloxicamente, o virus do mosaico do Arabis está asociado ó nematodo Xiphinema diversicaudatum. Os nematodos son parásitos que xeralmente están pouco estudados, no ámbito forestal son aínda menos coñecidos. Sen embargo está recoñecido o seu papel na diminución de producións de todo tipo de plantas, incluídas las forestais. Aínda que segundo a bibliografía consultada non están moi definidos os efectos que elevadas poboacións de nematodos poidan exercer sobre plantacións forestais adultas, onde parece que son toleradas dadas as condicións do cultivo.