03 octubre 2008

Santi Domínguez asina a iniciativa para que o Parlamento galego debata a Lei de Área Metropolitana

VIGO (MORRAZO-tribuna) .-O tenente de alcalde, Santi Domínguez, a concelleira de Benestar Social, María Méndez, e o concelleiro de Cultura, Xesus López, asinaron este venres a iniciativa proposta pola Federación de Veciños “Eduardo Chao” para que o Parlamento galego debata a Lei de Área Metropolitana. Segundo afirmou o tenente de alcalde, “hai moito tempo que Vigo necesita unha área metropolitana con competencias propias”.
Tras a sinatura do documento, que precisa de 15.000 sinaturas para poder ser levada ao Parlamento, Santi Domínguez lembrou que xa na primeira xuntanza que mantivo coa Federación Veciñal expresou que o BNG apoia esta iniciativa “porque Vigo necesita cunha Lei de Área Metropolitana, que tense que debatir no Parlamento Galego”. O nacionalista sinalou que esta área metropolitana debe ter “competencias propias para configurarse como un gran elemento vertebrador” de Vigo e a súa área.
“O BNG rexeitou o debate nos termos nos que o PP os plantexou”, explicou o tenente de alcalde, quen precisou que o BNG non coincide co anteproxecto que nese momento se quería debatir. Por outra banda, sinalou que o número de municipios non é o elemento central do debate, senón que este debe articularse na “capacidade xurídica e económica” que se lle quere dar a área metropolitana. “Non pode ser que varios concellos se unan arredor da cuestión do transporte, por exemplo, senón que a área metropolitana debe ter a dotación económica suficiente para desenvolver os seus proxectos e competencias”, explicou.
Neste sentido engadiu que, por unha banda, o PSOE “non se pon de acordo no modelo territorial que quere para este país”; e pola outra, o PP ten que dicir se está disposto a que a deputación que goberna “perda competencias para que as asuma a área metropolitana de Vigo”. Deste xeito, Santi Domínguez indicou que son estas dúas formación políticas as que se teñen que definir.
A iniciativa proposta pola Federación Veciñal defende a creación e regulación da área metropolitana de Vigo porque considera que suporá unha mellora substancial nos eidos do transporte, a sanidade e, en definitiva, a capacidade de decisión nas diferentes infraestruturas que precisa a cidade.