04 octubre 2008

Xa non se fían de Magdalena : os do BNG queren a comparecencia do Presidente de SEITT, o Director de AENA, o Director de Estradas...

VIGO / PONTEVEDRA / MADRID (MORRAZO-tribuna) .- O BNG solicitou no Congreso a comparecencia de 5 altos cargos do Ministerio de Fomento e do Ministerio de Medio Ambiente para que acudan á Cámara a explicar con detalle as partidas contempladas no proxecto de Orzamentos Xerais do Estado 2009 para Galiza.
En concreto, a semana vindeira van comparecer a petición dos nacionalistas galegos, o Presidente do SEITT (Sociedade Estatal de Infraestruturas de Transporte Terrestre), o Director de AENA, o Director de Estradas, a Secretaria de Estado de Infraestruturas, e o Secretario de Estado de Medio Rural e Auga.
Os parlamentares do BNG no Congreso queren aclarar unha serie de interrogantes e cuestións en torno ás partidas recollidas no proxecto orzamentario do Goberno, especialmente no que atinxe ás partidas destinadas ao tren de alta velocidade, ás estradas, aos aeroportos galegos e o adicado ao saneamento e depuración de augas.
Nese sentido, o BNG formulará diversas preguntas aos responsábeis do departamento de Fomento e de Medio Ambiente para que concreten o destino das partidas, os prazos que se manexan para a realización das actuacións e as previsións ao respeito.