
MOAÑA (MORRAZO-tribuna) .- Ampliación do peirao de Mexilloeiros de Moaña : en Moaña, Portos de Galicia adxudicou a segunda fase das obras de ampliación do peirao de mexilloeiros. O presuposto de adxudicación é de 1.948.741,68 euros e o prazo de execución de 16 meses. O actual peirao de mexilloeiros, de 160 metros de lonxitude e formado por unha estrutura de formigón armado sobre piares, xa foi prolongado nunha primeira fase para mellorar o seu abrigo ante determinados ventos. A cara exterior desa primeira prolongación realizouse cunha escollera de pedra que agora será substituída para permitir máis atraques nesa zona. Ademais, prolongarase o actual peirao coa construción dun dique-peirao de 60 metros de lonxitude que estará rematado por un pretil de formigón dun metro de altura.
Coa construción deste novo dique-peirao crearase unha explanada de 1.200 metros cadrados, de 60 metros de lonxitude e 20 metros de anchura. Estas novas instalacións contarán con diversos elementos auxiliares como iluminación, escaleiras, aneis de amarre e defensas.Para cimentar a nova ampliación executarase unha dragaxe de 37.000 metros cúbicos. Dragaranse tamén outros 23.000 metros cúbicos no interior da dársena para recuperar o calado que se foi perdendo pola acumulación de sedimentos.