14 enero 2009

Alerta por fortes ventos na costa

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).-A Dirección Xeral de Protección Civil da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza avisa dun episodio meteorolóxico adverso por vento en terra que afectará, especialmente, á provincia da Coruña a partir das últimas horas do día de hoxe. Segundo as informacións da Axencia Estatal de Meteoroloxía, agárdanse refachos por riba dos 100 quilómetros por hora, o que se corresponde cun nivel de alerta laranxa. No resto das provincias galegas, Pontevedra, Lugo e Ourense, tamén se sentirá, aínda que en menor medida (nivel de alerta amarelo), a incidencia do vento, con refachos de ata 90 quilómetros hora.

Ademais, continúa a situación de meteoroloxía adversa de nivel de alerta laranxa no mar, a causa do mar de fondo e o vento en mar, con ondas de ata 6 metros de altura, en todo o litoral de Galicia, e vento en mar de compoñente suroeste e Forza 8, no litoral da Coruña.

A Dirección Xeral de Protección Civil, a través do Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia, alertou a todos os concellos de Galicia polo vento en terra, así como aos organismos das administracións estatais, locais e autonómicas e ás empresas que pola súa actividade se poidan ver afectadas. Tamén se lle avisou desta situación á Deputación da Coruña e aos parques de bombeiros desta provincia. Sobre o episodio adverso no mar, continúase informando os clubs náuticos e os concellos costeiros da Comunidade. Desta maneira agárdase que se adopten as precaucións oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.

Igualmente, a Dirección Xeral de Protección Civil quere recordarlle á poboación a importancia de seguir as medidas de autoproteción como retirar os obxectos que poidan caer á rúa dende os tellados, balcóns e fiestras e evitar pasar preto de edificios en ruínas, árbores e paneis publicitarios. Así mesmo, aconséllase aos condutores axeitar a velocidade ao estado da vía, xa que se poden producir desprendementos de terra. No que se refire a situación no mar, a Dirección Xeral de Protección Civil insiste na importancia de non achegarse a diques ou rompentes nos que o mar poida arrastrar persoas ou vehículos.

Por último, aconséllase consultar a páxina web do Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.