14 enero 2009

Caso Sogama : "o raposo non pode coidar das galiñas", afirma o PP

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- A Consellería de Medio Ambiente debe adoptar cantas medidas sexan necesarias -ordinarias e extraordinarias- para evitar que o vertedoiro que Sogama posúe no monte da Areosa (Cerceda) acabe derrubándose, como consecuencia da descomposición dos materiais depositados nese lugar, como xa sucedeu co vertedoiro de Bens, na Coruña, na década pasada.
O PPdeG advirte que o vertedoiro que corre maior risco neste momento é que pertence a Sogama, onde o bipartito comezou a amorear a basura procedente da Coruña despois do fracaso do complexo de Nostián que, despois dun investimento multimillonario para poñelo en marcha, está colapsado e non é capaz de tratar o lixo para o que foi deseñado. A día de hoxe, o vertedoiro propiedade de Sogama supera os 40 metros de altura e, segundo información á que tivo acceso o PPdeG, corre risco de derrubamento polo efecto dos gases xerados pola descomposición da materia orgánica e pola acumulación de lixiviados no interior desa montaña artificial.

Neste escenario, o PPdeG esixe medidas extraordinarias para evitar calquera risco de derrubamento, pero, sobre todo chama a situación sobre a necesidade de extremar as precaucacións para preservar a integridade física dos operarios que traballan no vertedoiro, dada a tráxica experiencia do derrube do basureiro de Bens, acontecido o 10 de setembro de 1996 e que se saldou con un falecido.

O portavoz parlamentario do PPdeG, Manuel Ruiz Rivas, sinala que tanto o presidente de Sogama como o conselleiro de Medio Ambiente coñecen desde hai tempo o risco de derrubamento que pesa sobre o vertedoiro, aínda que optaron por facer oídos xordos ás advertencias e evitaron, ata o de agora, tomar cartas neste asunto.

IMPROVISACIÓN SEN GARANTÍAS

Recordan os populares galegos que a situación actual da Areosa –incluídos os vertidos tóxicos continuados ao río Lengüelle- é consecuencia da improvisación e o partidismo que guiou a actuación de Sogama.

A empresa pública dependente da Consellería de Medio Ambiente, para facerlle un favor ao concello socialista da Coruña, optou por amorear precipitadamente na Areosa (inicialmente no seu propio vertedoiro e agora tamén nun de titularidade privada), sen as debidas garantías técnicas nin ambientais, milleiros de toneladas de lixo que acabaron provocando unha situación de perigo que o departamento que dirixe Manuel Vázquez está obrigado a explicar, pero tamén a afrontar de inmediato para evitar males maiores.

O RAPOSO NONPODE COIDAR AS GALIÑAS

Con todo, Ruiz Rivas advirte que “o raposo non pode coidar das galiñas”, en referencia ao anuncio de Manuel Vázquez de investigar o que acontece na Areosa. Que Medio Ambiente investigue á mesma empresa á que a Xunta estivo pagando cifras millonarias por tratar lixo sen reunir os requisitos legais esixibles non ofrece garantía algunha de imparcialidade.

Ademais, Ruiz Rivas recorda que o propio conselleiro de Medio Ambiente utilizou grosos calificativos para dirixirse ao portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, como “cantamañanas” e outros, cando Jaime Castiñeira, nunha aínda recente sesión parlamentaria, desvelou as irregularidades que agora están saíndo á luz nos medios de comunicación.