08 enero 2009

Caso Prestige : después del informe de abogacía del Estado, el PP cree que Touriño y Quintana deben pedir disculpas

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O informe presentado na Avogacía do Estado ante o xulgado de Corcubión solicitando o sobreseimento da acusación contra o exdirector xeral da Mariña Mercante e respaldando cada unha das decisións adoptadas polos responsables gobernamentais que decididon o alonxamento do Prestige da costa galega acredita, en opinión do PPdeG, que tanto Touriño como Quintana utilizaron esa catástrofe ambiental con fins electoralistas, ignorando de paso os interese xerais da sociedade galega.

Manuel Ruiz Rivas, portavoz parlamentario do PPdeG, considera que o informe da Avogacía do Estado, dependente do Ministerio de Xustiza que dirixe o socialista Mariano Fernández Bermejo, constitúe unha desautorización maiúscula da estratexia de desgaste política e, persoal en ocasións, desenvolvida entón por PSOE e BNG para buscar réditos políticos.


TOURIÑO E QUINTANA DEBEN RETRACTARSE E PEDIR DISCULPAS
Por esa razón, o PPdeG insiste en reclamar un pronunciamento público de Touriño e de Quintana para valorar o contido dese informe exhaustivo, que defende, punto por punto, as medidas adoptadas a raíz do accidente do Prestige. Os populares galegos recomendan tamén a Touriño e a Quintana que se retracten e pidan disculpas polos erros cometidos e pola campaña de manipulación masiva emprendida polas súas respectivas formacións co único obxectivo de tratar de erosionar a un Goberno que, como demostrou o paso do tempo, estaba traballando na dirección adecuada para minimizar o impacto da catástrofe.

CONFIANZA NA XUSTIZA E NAS INSTITUCIÓNS
Neste escenario, Ruiz Rivas amosa a súa confianza e a de todo o PPdeG no labor das institucións e no traballo da Xustiza, na que afirma ter depositadas as súas esperanzas para limpar a honra e o bo nome dos responsables políticos do PP que xestionaron, con profesionalidade e lealdade a Galicia, o accidente do Prestige. Mentres, foron insistentemente aldraxados por políticos como Touriño e Quintana, capaces de antepoñer os seus intereses políticos e persoais sobre as posturas de consenso para superar as dificultades.

Iso explica que, en lugar de apoiar ao Goberno que estaba a adoptar as decisións máis axeitadas –como recoñece agora a Avogacía do Estado-, PSOE e BNG optasen por presentar cadansúa moción de censura para tratar de erosionar ao Executivo autonómico. “Como estamos vendo, o tempo pon a cada un no seu sitio”, agrega.

NADA SE AVANZOU NESTES ANOS
Sen embargo, pasados seis anos desde entón, Galicia continua igual de indefensa que entón fronte a unha catástrofe marítima, xa que nin PSOE nin BNG adoptaron medida algunha para mellorar a capacidade de resposta.

Nesta liña, e a modo de exemplo, Ruiz Rivas pregunta a Touriño e a Quintana qué foi da proposta de habilitar portos de refuxio na costa galega. De feito, unha directiva europea fixaba en febreiro de 2006 a data tope para elaborar os Plans e protocolos de actuación sobre a asistencia a buques que se atopen en situacións de perigo, pero ningún deses documentos ten sido elaborado a día de hoxe. Tampouco se está a cumplir a lexislación estatal que obriga dende hai xa anos a elaborar os plans de actuación dos portos en caso de accidente, nen se teñen sinalado os portos refuxio.

A Avogacía do Estado confirma que a principal preocupación do Goberno anterior foi a protección da Ría de Vigo. Mentres, e de acordo coa postura dos seus líderes, o PSdeG e o BNG houbesen autorizado a levar o buque, para desgraza irreparable do sector mexilloeiro, marisqueiro e pesqueiro, a esa ría.

Mentres tanto, o Servizo de Gardacostas de Galicia, deseñado para actuar como o primeiro chanzo de resposta ante calquera contixencia deste tipo, roza o desmantelamento pola desidia coa que está a ser xestionado polos actuais responsables políticos do Bipartito.

Por último, Ruiz Rivas insta a Touriño e a Quintana a que expliquen a cal das rías galegas terían levado o Prestige, no suposto de que tivesen que ser eles os encargados de tomar unha decisión deste tipo.