08 enero 2009

Pesca anuncia ayudas a las Cofradías


VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, mantivo esta mañá unha xuntanza en San Caetano co presidente da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, Evaristo Lareo, así como co responsable da Federación Provincial da Coruña, Genaro Amigo (tamén presidente da Federación Nacional); o responsable da Federación Provincial de Pontevedra, Manuel Pazos; e o da Federación Provincial de Lugo, Alfonso García Ben. O obxectivo deste encontro foi tratar diversos asuntos de interese para o sector pesqueiro da nosa comunidade autónoma, como son o desenvolvemento de toda a lexislación derivada da nova Lei de Pesca de Galicia, a seguridade a bordo dos buques, o procedemento de regularización de embarcacións que se atopa actualmente en marcha, así como a promoción dos produtos pesqueiros e marisqueiros galegos.

No que respecta ao primeiro dos asuntos, tanto Carmen Gallego como os representantes do sector, acordaron na reunión deste mediodía establecer ao longo deste ano, e sobre todo neste primeiro semestre, unha colaboración estable para desenvolver toda a lexislación en materia marítimo-pesqueira derivada da nova Lei de Pesca de Galicia. Especialmente, os decretos relacionados coa pesca de baixura e o marisqueo, así como a normativa que debe rexer as confrarías de pescadores, o seu funcionamento interno, o procedemento electoral, etc. De feito, tal e como recordou a Conselleira de Pesca, xa se remitiu ao sector e aos sindicatos para a súa análise e observación e para a realización de achegas un primeiro borrador do que será o decreto de pesca marítima profesional e sobre o que se continuará traballando.

Outro dos temas abordados na xuntanza foi a próxima convocatoria dunha orde de axudas para a modernización da frota pesqueira. Segundo lles explicou a titular deste departamento autonómico aos presidentes das federacións galega e provinciais de confrarías, nesta orde incluirase unha liña de axudas especiais para a seguridade marítima a bordo dos buques, destinada a todos os segmentos de frota, e dirixida á adquisición de balsas salvavidas e traxes térmicos para os tripulantes.
Sobre a aplicación da Ley 9/2007, de 22 de junio, sobre regularización y actualización de inscripciones de embarcaciones pesqueras en el Registro de Buques y Empresas Navieras y en el Censo de la Flota Pesquera Operativa, Carmen Gallego comunicoulles tamén que está pendente de celebrarse un encontro entre o Ministerio de Fomento, a Secretaría General del Mar, a Administración pesqueira galega e o sector para aclarar todos os extremos do procedemento que xa está en marcha. Esta reunión derívase das celebradas nas últimas semanas entre a Dirección Xeral de Estruturas e Mercados da Pesca, o sector pesqueiro e os responsables das Capitanías Marítimas situadas en Galicia que dependen de Fomento.
Finalmente, en relación á promoción, Carmen Gallego anunciou aos representantes do sector que en breve se celebrará unha xuntanza de traballo entre a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e o Fondo de Regulación y Organización del Mercado de los Productos de la Pesca y Cultivos Marinos (FROM) para planificar a actividade de promoción de produtos de pesca galega ao longo do ano 2009. O obxectivo é intensificar o consumo dos peixes e mariscos que extraen do mar os nosos profesionais.
Na foto.- Un momento da xuntanza que mantivo este mediodía en San Caetano a Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos cos presidentes das federacións galega e provinciais de confrarías de pescadores.