PONTEAREAS (MORRAZO-tribuna).- O BNG de Ponteareas, a través do seu concelleiro e membro da Executiva Nacional, Roberto Mera, fixo un chamamento ao Alcalde, González Solla (PP), para que “abandone a polémica e o enfrontamento ao redor do Corpus e sume esforzos en favor da festa”.
Nese sentido, o dirixente nacionalista ofreceu “a man tendida do BNG para colaborar e apoiar ao goberno municipal, desde a oposición local e desde o goberno da Xunta, na potenciación do Corpus, porque iso é o que queren a maioría dos veciños de Ponteareas”.
Mera asegura que “en lugar de atacar á Xunta, Solla e Castro farían mellor adicando as súas enerxías a potenciar o Corpus, a colaborar co goberno galego nese obxectivo, a dar máis apoio aos alfombristas e a tramitar con eficacia e rapidez o expediente de Festa Internacional”.
16.000 euros para os alfombristas e 48.000 para Soraya (Operación Triunfo) e Fama
Nese sentido, Mera ofreceu a colaboración do BNG para lograr “máis financiamento doutras administracións e para que os cartos se gasten adecuadamente no Corpus”. Precisamente o concelleiro de Cultura, Andrés Sampedro, recoñeceu no último Pleno a preguntas do BNG que o goberno local destinou “só 16.000 euros en 2008 aos alfombristas que adornan as rúas, mentres que o custo da actuación de Soraya (Operación Triunfo) e Fama supuxo un gasto de 48.000 euros, o triple do que se lle dá aos verdadeiros artífices da festa, os alfombristas”. Para o BNG “o goberno de Solla equivocouse ao gastar esa cantidade nun espectáculo verbeneiro que non servíu para promocionar o Corpus, só se promocionou aos propios cantantes, devaluando a singularidade e autenticidade da festa”.
Festa de Interese Internacional: o PP recoñece que o expediente estivo “mal feito e non vale”
O nacionalista tamén ofreceu a colaboración do BNG “para xestionar correctamente a tramitación da declaración do Corpus como Festa de Interese Turístico Internacional”. A oferta de colaboración do BNG prodúcese logo de que a concelleira de Turismo, Raquel Bautista, recoñecese no Pleno, a preguntas dos nacionalistas, que o expediente para declarar a Festa do Corpus de Interese Turístico Internacional “está mal hecho y no vale, tal y como me confirmaron en el Ministerio de Cultura”, case dous anos despois de terse iniciado. Na comparecencia a concelleira de Turismo, a pesar da petición do BNG, non deu ningunha cifra sobre o gasto feito polo concello para promocionar o Corpus.