14 enero 2009

Quintana advirte que un ICO galego é cada vez mais necesario

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, dixo hoxe que, na próxima lexislatura, será moi necesaria a creación do Instituto de Crédito Galego para asegurar o financiamento aos sectores estratéxicos da economía produtiva galega, como o do naval, “un instituto que veña suplir o labor que a banca tradicional non está a facer na actualidade”. Quintana salientou así os problemas e dificultades que están denunciando dende o sector naval para poder acceder a créditos, a preguntas dos xornalistas nun acto hoxe en Santiago. O vicepresidente dixo que nunha situación de crise económica como a actual é moi necesario dar pasos ao fronte e é vital, dende as institucións públicas, pór remedio a esta situación.

Por iso, asegurou que é tan necesario que en Galiza se poña en marcha na próxima lexislatura o Instituto de Crédito Oficial Galego, “porque o que non podemos é seguir paralizando a sectores que gozan de boa saúde e que poderían traballar, coma o sector naval”. Quintana resaltou que iso non se pode permitir en tempos de crise, “calquera país, e polo tanto Galiza tamén, ten que fortalecer os seus sectores estratéxicos, sobre todo se estes funcionan e teñen capacidade por si mesmos para crear emprego”.

O vicepresidente explicou que non se trata dun problema de subvencións, senón simplemente de que se lles deixe traballar. “Se a banca tradicional non é capaz de cumprir coa súa función, eu pregúntome a onde van e onde están os miles de millóns de euros que o Goberno central puxo a disposición da banca para dotala de liquidez, a onde van se non van á economía produtiva”, preguntouse Quintana. E engadiu que, ao seu entender, “xa que a banca tradicional non ocupa este espazo, é necesario dar un paso ao fronte para que un Instituto de Crédito Oficial de Galiza asegure que os nosos sectores estratéxicos van ter capacidade para obter os créditos e seguir xerando emprego e traballo”.

Naval en auxe
Quintana destacou que é unha boa noticia que, por parte dos representantes do sector naval, se confirme que o sector naval está nun dos mellores momentos da súa historia e que ten un ciclo alcista coma en ningún outro momento histórico, cunha carteira de pedidos moi importante que asegura unha carga de traballo mesmo máis alá do 2012.

Nesta situacion, Quintana explicou que o que si é preocupante é que, nunha situación coma esta na que temos o sector do naval forte, “un sector naval estratéxico para o país, un sector naval que xenera emprego estable e de calidade, pois que nesta situación o único problema que está a ter o sector naval son as dificultades para o acceso a créditos que lles faga posible financiar as operacións de construción de novos buques que xa teñen encargados”.