VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza destinará un total de 1.673.989 euros a subvencionar a realización de infraestruturas de uso público en ámbitos urbanos e rurais por parte dos concellos de Galicia. Así se recolle na edición de hoxe do Diario Oficial de Galicia (DOG).
As actuacións que recibirán estas axudas responderán a proxectos de construcción e actuación de prazas públicas e de creación, adecuación ou rehabilitación de espazos de parques destinados á infancia. Poderán solicitalas os concellos de menos de 20.000 habitantes que teñan presentadas as súas contas –correspondentes ao exercicio orzamentario 2007- no Consello de Contas de Galicia.
Só se poderá presentar un proxecto por municipio, e coa finalidade de garantir a trascendencia e calidade destes só se subvencionarán aqueles que supoñan investimentos superiores a 75.000 euros. O importe máximo de axuda por concello será de 150.000 euros.
A subvención que se conceda poderá supor como máximo ata o 80% do orzamento da obra que se vai realizar. Esta liña de subvencións finánciase nun 70% con cargo aos fondos de desenvolvemento rexional (Feder).
Valoración de solicitudes
Na valoración das solicitudes ponderaranse aspectos como a porcentaxe de financiamento respecto ao orzamento total das actuacións, a necesidade das mesmas, o esforzo fiscal do concello e que este non recibira subvencións en 2008 para a execución de infraestruturas de uso público nos fondos xestionados pola Dirección Xeral de Administración Local.
Ademais, no caso dos parques infantís teranse en conta o número de rapaces menores de 9 anos censados no concello e os equipamentos, dotacións e servizos que se van implantar na infraestrutura, como os elementos de xogo, o mobiliario urbano –bancadas, papeleiras, fontes...-, a iluminación e os servizos sanitarios.
No que se refire ás prazas públicas, valoraranse a tipoloxía e variedade do mobiliario urbano, a dotación de iluminación e servizos sanitarios, a dotación e tipoloxía de espazos verdes, a dotación de equipamentos biosaludables e lúdico-deportivos e a execución de proxectos con materiais tradicionais, autóctonos e adecuados ao medio. Tamén se poderán presentar proxectos integrais, que inclúan tanto praza como parque infantil.
Os peticionarios terán un mes para presentar as súas solicitudes. Xunto con elas deberán achegar: unha certificación do acordo do concello polo cal se solicita subvención para os traballos que se pretenden executar ao abeiro destas axudas; unha memoria xustificativa da súa necesidade; un proxecto da obra que se vai realizar –no caso dos parques infantís será obrigatoria a súa adaptación á normativa europea-; unha certificación expedida polo secretario xeral do Concello referida á titularidade e plena disposición deste sobre o terreo onde se van realizar os traballos e outra referida aos dereitos recoñecidos netos do orzamento liquidado da entidade en 2007 para o cálculo do esforzo fiscal; unha declaración do conxunto das axudas das distintas administracións públicas competentes pedidas ou concedidas para as obras solicitadas ao abeiro destas subvencións; e un certificado do secretario do Concello da presentación das contas municipais no Consello de Contas de Galicia.