08 enero 2009

Convocatoria de cursos monográficos
de Inglés audiovisual

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o Consorcio Audiovisual de Galicia convocarán a próxima semana catro monográficos de inglés audiovisual nas Escolas Oficias de Idiomas da Coruña, Santiago e Vigo.
Tras o éxito de convocatoria e o alto nivel de satisfacción do alumnado dos monográficos organizados nas pasadas edicións nas EOI de Santiago e Vigo, para os que se recibiron máis dun centenar de solicitudes, a Consellería de Educación e o Consorcio están a traballar para prorrogar a colaboración mediante un novo convenio. Así, en 2009 amplíase o número e duración dos cursos, aumentando os monográficos de 30 a 45 horas e diversificando xeograficamente a oferta formativa, contando coa colaboración das EOI de Santiago e Vigo, que xa ofertaran as pasadas edicións, aos que este ano se suma a participación da EOI da Coruña.

Os cursos, que serán impartidos polo profesorado das EOI, celebraranse de xeito simultáneo nas EOI da Coruña, Compostela e Vigo a partir do 9 de febreiro, dúas xornadas á semana, en horario de tarde, para posibilitar a compatibilidade horaria co traballo dos profesionais.

O Consorcio Audiovisual de Galicia subvencionará en concepto de bolsa de formación o 50% do custo das taxas de matrícula por monográfico e ofertará ademais unha serie de actividades extraacadémicas relacionadas cos contidos do curso (como visitas a rodaxes ou gravación de programas, organización de master classes ou proxeccións de películas en versión orixinal).

Destinatarios
Estes cursos están dirixidos principalmente aos profesionais do sector audiovisual, así como a estudantes (preferiblemente cun nivel lingüístico Intermedio e Intermedio-alto dunha escola oficial de idiomas) que estean familiarizados coa lingua inglesa, e que desexen potenciar e ampliar as súas destrezas comunicativas sobre todo no ámbito da industria dos medios audiovisuais. Así, nas pasadas edicións contouse entre o alumnado con distintos perfís profesionais desta industria, como actores, directores, guionistas, técnicos, produtores, axentes de vendas internacionais, xornalistas, deseñadores gráficos ou axentes culturais. Para acceder, o alumnado deberá acreditar o seu nivel de lingua mediante unha entrevista persoal para a que serán convocados unha vez se peche o prazo de inscrición.

O obxectivo é que o alumnado adquira ou mellore o seu nivel de competencia na expresión e comprensión de certos aspectos específicos da lingua obxecto de estudo, tanto na súa forma falada como escrita, que lle permita desenvolverse en situacións coas que se poida atopar no seu ámbito profesional específico, proporcionándolle a información sobre as características fonéticas, as estruturas e normas de interacción comunicativa que poidan ter influencia nas situacións laborais e sociais máis frecuentes coas que se van enfrontar.

Estas actividades xorden da necesidade de especialización dos profesionais, que teñen que atender á demanda dun mercado audiovisual de marcado carácter transnacional e de contar coa presenza das empresas e produtoras galegas nos foros internacionais máis prestixiosos.

Para obter máis información sobre os cursos:

Consorcio Audiovisual de Galicia www.consorcioaudiovisualdegalicia.org
E-mail: formacion@consorcioaudiovisualdegalicia.org

EOI da Coruña www.eoicoruna.org
E-mail: eoi.corunha@edu.xunta.es

EOI de Santiago de Compostela www.eoisantiago.org
E-mail: eoi.santiago@edu.xunta.es

EOI de Vigo www.eoidevigo.org
E-mail: inglesaudiovisualvigo@hotmail.com