AS NEVES (MORRAZO-tribuna).- A noite do 9 de xaneiro no centro social de As Neves celebrouse un acto para debater e propoñer o destino de 790.607€ que lle corresponden ao concello do Fondo de Investimento Municipal decretado polo governo do estado para paliar a crise económica e reactivar o emprego.
O BNG inicia así unha nova etapa na súa labor municipal con esta primeira reunión, na que se pretende establecer canles de comunicación entre a actividade política e os intereses da sociedade civil. Nesta reunión, as propostas de inversión manifestadas polos asistentes fan ver o interese pola correcta utilización deste fondo; ademais de revelar as grandes deficiencias e carencias do Municipio.
En gran medida, segundo o BNG, coinciden as opinións sobre os investimentos a realizar manifestadas polos asistentes "coa posición mantida polo noso grupo político. Polo que o BNG adquiriu o compromiso de trasladalas ao grupo de governo do concello i esixir a súa realización".
Recóllense así, medidas para o entorno urbán, para o conxunto das parroquias, o ámbito educativo, para a prevención de incendios e para servizos básicos, como saneamento e abastecemento de augas.
A elevada asistencia e a activa participación poñen de manifesto a necesidade de actuacións políticas neste senso, polo que o BNG de As Neves se comprometeu e se compromete a informar nunha vindeira reunión , no prazo aproximado dun mes, sobre o destino final dos preto de 800.000€, así como insistir neste tipo de acción política que fomente a participación cidadá na vida pública de As Neves.