O CARBALLIÑO (MORRAZO-tribuna).- A Consellaría de Cultura e Deporte adxudicará o próximo mes unha intervención rehabilitadora no templo da Veracruz. A actuación supón un investimento de 252.500 euros co obxectivo de corrixir deficiencias producidas polo paso do tempo no edificio proxectado por Antonio Palacios.
A actuación centrarase na torre, respondendo á necesidade de intervir para garantir a conservación adecuada dun dos elementos máis característicos do monumento. As obras do templo déronse por rematadas no ano 1962, pero quedaron moitos detalles inacabados respecto das previsións iniciais, como o rexuntado e encintado de muros nalgunhas zonas, os rebocados e os sistemas de evacuación de augas na torre. A falta destas actuacións explican a maioría das patoloxías que se acrecentaron co paso do tempo e ás que agora se vai poñer remedio con esta intervención.
As obras que se van acometer comprenden:
a limpeza e rexuntado dos perpiaños e aparello irregular da parte alta da torre;
a consolidación e remate das bóvedas cerámicas;
a limpeza, selado e reforzo de lousas de formigón armado;
o reforzo dos elementos de forxa e estruturas metálicas: escaleiras, pasarelas e varandas;
a impermeabilización en varias partes das cubertas;
e a reposición puntual de pavimentos.
A Consellaría de Cultura e Deporte prevé adxudicar o mes que vén estas obras, que darían comezo en marzo.
O templo de Veracruz é un dos símbolos do concello do Carballiño. Iniciado en 1943 segundo o deseñado de Antonio Palacios, ten influencias de case todos os estilos arquitectónicos que se deron en Galiza: románico, gótico, bizantino, etc. Foi declarado Ben de Interese Cultural en 1995.
Foise construíndo en distintas fases, empregáronse para a súa construción unicamente granito e lousa. Ocupa unha superficie de 1.080 m2 e ten unha planta complexa na que se diferencian dúas partes: a nave rectangular, á que está arrimada unha gran torre, e maila cabeceira, que ten unha rotonda a xeito de cruceiro e máis unha ábsida deambulatoria. Están enlazadas estas dúas partes por medio dun arco cunha escultura con 12 apóstolos. No fondo da nave do templo hai un coro a xeito de tribuna. A rotonda central, ou rotonda do cruceiro está cuberta por cúpulas semiesféricas que se apoian en arcos sobre oito columnas.
Na parte da nave destaca a torre, de planta cadrada e con 52 m de altura, que se eleva unida ao corpo da igrexa sobre o pórtico, no eixe da fachada. Acaba en cubos perforados por galerías de arcos rematados en ameas, e no centro do corpo presenta un gran van con arcos apuntados en cada unha das súas frontes. Tamén presenta contrafortes nos ángulos exteriores.
Todo o conxunto decórase cunha gran cantidade de portas (24), fiestras (86), rosetóns enormes (8), unha ventá de celosía de pedra e columnas de todas as formas. Ademais conta con 117 arcos e 5.895 doelas. O templo sufriu modificacións en datas posteriores á súa inauguración. Así, en 1976 colocouse o altar maior na entrada do presbiterio e fixéronse as esculturas das capelas e da sancristía e os relevos dos confesionarios.