CANGAS / BUEU (MORRAZO-tribuna).- Dende o 11 de decembro e coincidindo coa súa publicación no DOGA, atópase en período de exposición pública, nos concellos de Cangas do Morrazo e Bueu, o actual proxecto do Parque Empresarial do Morrazo que incorpora no seu proxecto de sectorización as empresas pertencentes á antiga 3ª fase do Polígono de Castiñeiras. Este novo proxecto presenta a creación dun gran parque industrial supramunicipal na comarca, como medida estrela para fomentar o emprego e o desenvolvemento económico e empresarial da bisbarra. Logo de revisar o proxecto íntegro coas empresas afectadas, dende a Federación de Comerciantes e Industrias do Morrazo encontraron en falta unha serie de puntualizacións acerca do contido do mesmo, que levaron á federación a mostrar a súa preocupación pola situación na que quedarían estas empresas no futuro parque. Froito desta preocupación, FECIMO decidiu presentar unha serie de alegacións co fin de recoller as inquedanzas das empresas xa asentadas na zona.
No escrito, a Federación céntrase en tres puntos básicos.
PUNTO 1. Ponse especial énfase na defensa dos intereses das
empresas que se inclúen no PEIM, e que xa están desenvolvendo a
súa actividade hoxe en día. Estas empresas xa realizaron no seu día
unhas obras de acondicionamento de viais, saneamento, iluminación,
adquisición de terreos, etc. A incorporación de ditas empresas ao proxecto
sen ter en conta esta consideración, suporía unha discriminación negativa
no tocante a equidade e a eficiencia do reparto das cargas. Dende FECIMO
enténdese que o valor engadido que o PEIM aporta aos terreos de estas
empresas e moitísimo menor que o que o proxecto lle aporta aos terreos
que a día de hoxe non teñen rendemento nin aproveitamento algún, e que
sen o desenvolvemento do PEIM terían un potencial económico nulo.
De non recoller esta circunstancia, o actual Proxecto Sectorial do PEIM,
trataríase dun proxecto que, si ben se presentou como unha oportunidade
de desenvolvemento empresarial da Comarca, a súa execución definitiva,
sen un proxecto económico diferenciado para as empresas xa implantadas e
aquelas que mercaron terreos para implantarse, suporía o risco de peche
das mesmas, dados os elevados custos que deberían soportar. E dicir, todo
o contrario ao fin que se persegue no proxecto.
Neste sentido, dende FECIMO, solicítase a inclusión no actual documento do
compromiso adquirido dende a Delegación de Vivenda e Solo, cos
propietarios de parcelas con empresas existentes ou en vías de facelo,
compromiso que se plasmaría mediante convenios particulares entre a
Consellería e cada propietario, para garantir a correcta imputación dos
custos .
PUNTO 2. Solicítase rigor e austeridade no cálculo e avaliación dos
costos do proxecto, dado que no Informe de Sustentabilidade Ambiental
(ISA) se recollía unha repercusión de 107,87€/m² en superficie neta,
mentres que no proxecto sectorial este valor increméntase ata os
140,20€/m². Apréciase por tanto unha falla de rigor a hora de elaborar os
orzamentos dos custos do proxecto, tendo en conta que entre un estudio e
outro hai un curto espazo de tempo e que por tanto as condicións de
avaliación dos proxectos deben de ser as mesmas. Solicítase por tanto a
validación do orzamento presentado no ISA en detrimento do presentado no
proxecto de sectorización.
PUNTO 3. Recóllese a preocupación por aquelas empresas xa
asentadas nas inmediacións do parque empresarial, que estando
non regularizadas, non se inclúen no proxecto do PEIM.
Estas empresas que tendo a súa actividade na zona, non poden optar a
regularizarse, deberían ter preferencia a hora de acceder as parcelas que se
xeren coa implantación do PEIM. Solicítase neste punto a inclusión no
proxecto da preferencia destas empresas, entendendo que de non ser así
estaríase dificultando a permanencia das mesmas.