VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- Os consumidores coñecen desde sempre as propiedades saudables do mel, aínda que non saiban, con detalle, a composición de nutrientes e de substancias de recoñecido valor biolóxico e funcional que fan deste produto un alimento moi recomendable e apreciado. “Precisamente, dar a coñecer a composición do mel producido en Galiza e poñelo en valor no mercado contribúe a mellorar a súa competitividade fronte a outros produtos funcionais, así como a fortalecer a confianza do consumidor”, afirma Gonzalo Flores, director xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal. Este é o obxectivo do proxecto de investigación “Posta en valor do mel: etiquetado nutricional”, que está a ser elaborado man a man entre o Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia e o grupo de investigación de Bioloxía Vexetal da Facultade de Ciencias de Ourense, e que contou cun financiamento superior aos 105.000 euros por parte da Consellaría do Medio Rural.
Nun contexto caracterizado pola constante aparición no mercado de alimentos novos de carácter funcional, enriquecidos mediante substancias alleas aos mesmos (omega 3, vitaminas, minerais..), o mel contrasta por ser un produto natural cunha destacada composición nutricional, con escaso procesado (sen conservantes, colorantes ou aditivos) e que non precisa do engadido de compoñentes ou substancias de síntese externas ao produto. Porén, tal e como coidou o equipo que está a materializar este proxecto de investigación, para facelo máis atractivo ante o consumidor é necesario dar a coñecer a composición química que o fai interesante dende o punto de vista nutritivo, terapéutico e saudábel, características que adoitan estar abondo sinaladas nos produtos que no mercado compiten co mel.
Estado da investigación
É por isto que o proxecto estase a centrar nun dos eidos menos abordados até o de agora en relación co mel: a análise dos compoñentes deste produto con interese biolóxico e con características saudábeis, como é caso do contido en determinadas vitaminas e en compostos antioxidantes, e a súa composición nutricional.
Até o momento, e dende mediados do pasado mes de setembro, recolléronse un total de 71 mostras de mel: 18 na provincia da Coruña, 24 en Lugo, 18 en Ourense e 11 en Pontevedra. Foron obtidas en colmeas dun total de 46 comarcas de toda Galiza co obxectivo de conseguir unha mostra representativa de todo o mel producido no País. Tal e como sinala María del Carmen Seijo, responsábel da sección de Apicultura do grupo de investigación en Bioloxía Vexetal da Facultade de Ciencias de Ourense, prestouse especial atención ás zonas de maior produción de mel e intentouse, ademais, buscar áreas representativas de todo o País, dende o interior á costa, así como meles de distinta orixe botánica propios de Galiza (eucalipto, silveira, castiñeiro e mato de queiroga).
Un dos primeiros pasos da investigación foi o estudo dos parámetros sensoriais das mostras recollidas, a cargo do panel de cata do Consello Regulador da IXP Mel de Galicia, que destacou a calidade, nas características sensoriais, da colleita deste ano, singularizada ademais por cheiros florais e vexetais e unha preponderancia, maior ca noutros anos, das características propias do mato de queiruga. Nos primeiros meses no transcurso deste proxecto, realizouse tamén a tipificación botánica do mel e do seu contido polínico, ademais doutros parámetros físico-químicos como a presenza de humidade, a medida en ph, o color, a condutividade eléctrica (dato de interese para determinar os contidos en minerais e tamén as achegas de mielato), a porcentaxe de graxas (nula, segundo amosan os resultados obtidos) e o contido en fenois e flavonoides, substancias importantes polas súas propiedades antioxidantes. Queda pendente na análise nutricional –que está previsto rematar entre abril e maio deste ano– o estudo do contido en proteínas, en determinadas vitaminas, minerais e azucres totais.
Meles monoflorais
Para a colleita de 2009, o equipo investigador afondará nas características propias dos meles monoflorais galegos, é dicir, daqueles que proceden principalmente dun tipo de plantas. Para iso, en colaboración cos produtores, obteranse meles monoflorais “patrón”, en colmeas de experimentación nas que se poida recoller en cada momento a produción de cada un dos tipos a analizar. Na costa producirase mel de eucalipto, típico do litoral galego e, no interior de Galiza, os meles monoflorais de castiñeiro, silva e queiroga.
Mel de calidade
Para a investigadora María del Carmen Seijo son varias as razóns que fan do mel galego un produto especial. Teñen que ver tanto coa apicultura practicada como coas características da climatoloxía e do territorio do nos País (o tipo de vexetación, a estrutura do territorio, as características do agro galego...), que dan como resultado un mel de características sensoriais e botánicas diferenciadas: “Son meles máis escuros que noutras zonas produtoras do Estado español, cun contido mineral máis alto e con características sensoriais máis pronunciadas”, asegura Seijo.
O mel galego é un produto de prestixio tanto dentro coma fóra do noso País. Así o amosa a súa distinción como “Produto galego de calidade” en 1988, o recoñecemento en 2003 da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia no eido estatal e a súa inscrición, desde 2007, no rexistro europeo de denominacións de orixe protexidas e indicacións xeográficas protexidas. Na actualidade, a IXP Mel de Galicia é a denominación de calidade deste produto dentro do Estado español con máis produtores acollidos, máis de 410, con maior número de colmeas adscritas (arredor de 32.000) e con maior volume de produción, máis de 300.000 quilos anuais comercializados coa contraetiqueta identificativa da Indicación Xeográfica Protexida. Segundo as estimacións do seu Consello Regulador, as vendas deste produto repórtanlle aos apicultores galegos un valor económico anual superior ao millón de euros.