02 enero 2009

Financiación autonómica : el BNG deja claro que si las cosas van por donde Solbes apunta, no se chupa el dedo...

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O coordenador executivo do BNG, Francisco Jorquera, quer facer unha primeira avaliación da reforma do financiamento autonómico cuxas liñas mestras foron dadas a coñecer polo vicepresidente segundo e ministro de Economía e Facenda, Pedro Solbes.

En opinión do coordenador executivo, estamos perante unha proposta “insuficiente” para Galiza porque coas porcentaxes de cesión anunciadas dos impostos de titularidade estatal -50 por cento de IVE e IRPF, 58 por cento de impostos especiais- Galiza non acada a “suficiencia financeira”. “Esas porcentaxes dan suficiencia financeira a Madrid, Catalunya e a Baleares, pero non ao noso País. Son un traxe feito á súa medida, non á nosa”.

Galiza precisaría “dunhas porcentaxes de cesión” de IVE, IRPF e Especiais que se sitúen por enriba do 70 por cento para acadar a suficiencia financeira. “A igualdade entre as comunidades non debe estar no punto de partida, senón no de chegada”, afirma o dirixente nacionalista.

Jorquera censura que á hora de dotar o fondo que agora se cría baixo a denominación de Garantía de Servizos Públicos Fundamentais se sobredimensione o criterio de poboación, o que claramente prexudica a Galiza. “Hai unha evidente desproporción á hora de calcular as necesidades de gasto das comunidades autónomas sobre a base do criterio da poboación sen ter suficientemente en conta factores como a dispersión ou o avellantamento”, afirma o tamén portavoz do BNG no Congreso. A consecuencia previsíbel, subliña, será que aínda que Galiza en termos absolutos vaia ter máis recursos, en termos relativos terá unha participación na tarta inferior á actual, perdendo posicións a respeito de outras comunidades autónomas, tendencia que se acentuará co paso dos anos.

Mostra tamén a súa preocupación porque o Goberno central non considere a Xustiza entre os servizos públicos fundamentais. “No noso país, e dada a forma en que temos organizado o territorio, a prestación deste servizo require de cuantiosos fundos públicos, polo que é evidente que non se pode
considerar un servizo público de carácter non fundamental ou residual”, alega o coordenador executivo, quen ve tamén “inxusto” para Galiza que a evolución no tempo da participación das distintas comunidades autónomas nos recursos deste fondo de Servizos Públicos Fundamentais se faga tamén
depender das tendencias demográficas. “Iso claramente vai contra os intereses de Galiza. Se a nosa posición no punto de partida non é xa satisfactoria, todo apunta a que podería empiorar co paso dos anos”, aduce.

Filosofía de fundo

Jorquera coida que a filosofía de fundo desta proposta de reforma non dista moito do modelo actualmente vixente. “Continuaremos a ter un modelo que descentraliza o gasto, pero non os ingresos. Non ten sentido que unha administración teña competencias para gastar, pero non para obter por vías propias os recursos que podan financiar a execución desas competencias”, razona. Este continuismo na filosofía de fundo responde a unha intención claramente política, a de fixar a imaxe de que é o Estado quen sustenta os gastos das comunidades autónomas, “cando en realidade acontece xustamente o contrario”. “Galiza xera suficientes recursos para autofinanciarse. As transferencias que recibimos do Estado proveñen integramente da carga fiscal que suportamos os galegos e as galegas”, alega.

Jorquera criticou tamén que un dos obxectivos anunciados sexa nivelar o gasto por habitante en todas as comunidades, sen ter en conta as desigualdades de partida. O modelo tenderá a reproducir as desigualdades territoriais porque tampouco ten como obxectivo corrixir os desequilibrios que históricamente se teñen producido no reparto da riqueza entre os distintos territorios do Estado “e que son produto precisamente da existencia dunha política por parte do Estado que en nengún momento ten apostado pola autonomía financeira plena das comunidades autónomas”.

Consello Política Fiscal e Financeira

Jorquera móstrase certo de que tanto o presidente da Xunta como o conselleiro de Economía, quen representa a Galiza no Consello de Política Fiscal e Financeira, se empregarán a fondo para defender os intereses de Galiza. “Estou convencido de que anteporán os intereses do noso País ás estratexias que o seu partido está a marcar desde Ferraz”, conclúe.