02 enero 2009

Financiación : Touriño avanza que en principio está a gusto con lo que Zapatero le pintó en un papel

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, avanzou que o borrador cos criterios de financiamento autonómico achegado polo Goberno español ás comunidades autónomas responde “ás expectativas e ao acordado” na xuntanza que mantivo o pasado día 23 de decembro co xefe do Executivo español, José Luís Rodríguez Zapatero. “O documento responde ás expectativas e ao acordado”, aseverou indicando que o ve, de entrada, “positivo e razoable para os intereses de Galicia”, aínda que, matizou, haberá que esperar a ver “en canto está a ponderación dos factores, porque dependendo de en canto estea esta ponderación, os recursos poden ser diferentes”.

“É un texto de criterios, de modelo, tal e como estaba comprometido; chega en data, tal e como estaba anunciado; terémolo que analizar”, engadiu, remarcando que “é importante que, xa de entrada, haxa un compromiso no sentido anunciado de atender, modificar e revisar; que teñamos máis recursos e que Galicia poida ter máis recursos por habitante”. Segundo explicou o máximo mandatario autonómico, o novo sistema de financiamento autonómico permitirá “mellorar as prestación do sistema de benestar, que é o que facemos as comunidades de forma decisiva: educación, sanidade e servizos sociais; mellorar a equidade e a suficiencia financeira; e mellorar a nosa autonomía, a nosa corresponsabilización fiscal”. “Polo tanto –afirmou- creo que recolle conceptualmente, metodicamente, politicamente os grandes elementos”.

“A miña primeira avaliación é que a música e a letra soan ben. E sóanme ben a música e a letra porque responde aos criterios que na entrevista mantida co presidente acordamos, dos que falamos e dos que din conta. Evidentemente a avaliación final en temas de financiamento debémola deixar para cando, ademais da letra e da música, teñamos os números”, concluíu ao respecto.

Maiores recursos para as comunidades autónomas
Segundo explicou o titular do Goberno galego na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, o borrador cos criterios de financiamento “garante maiores recursos a disposición das comunidades autónomas” e “recolle e compromete a incorporación dunha maior ponderación para a dispersión e para o avellentamento poboacional” tal e como el mesmo lle solicitara para Galicia ao presidente José Luís Rodríguez Zapatero.

Emilio Pérez Touriño destacou, ademais, que recolle “un maior grao de autonomía financeira e de corresponsabilidade fiscal” por parte das comunidades, na liña do que Galicia viña demandando: 50 por cento para o IRPF, 50 por cento para o IVE e 58 por cento para os impostos especiais.

“O criterio de ponderación xeral responde tamén ao que falamos”, engadiu, lembrando que o conxunto dos grandes servizos se van ponderar pola variable chamada “de habitantes axustados” ou “unidade de necesidades axustada” polos distintos elementos de ponderación (dispersión, avellentamento...).

“Haberá recursos adicionais para políticas de normalización lingüística e tamén para a acollida de fluxos migratorios, como elementos adicionais”, apuntou.

Na súa intervención, o presidente da Xunta abondou en que, tal e como figura no texto, se poderá avanzar na idea “de que Galicia teña, concertadamente coa Administración Tributaria do Estado, a Axencia Tributaria de Galicia, porque o documento fala de fortalecer a administración tributaria e dese réxime de colaboración e cooperación”.

Así mesmo, o documento inclúe tamén “conceptos de mellora da capacidade normativa das comunidades”, abrindo a posibilidade “de introducir elementos de mellora na capacidade normativa das comunidades”.

Tres fondos de garantía
Emilio Pérez Touriño explicou, ademais, que o borrador de financiamento recolle tres fondos de garantía. Un Fondo de garantía dos grandes servizos públicos, educación, sanidade e servizos sociais; un Fondo de suficiencia global, que –apuntou-, “asegura o financiamento de todas as competencias que exercemos as comunidades autónomas”; e un Fondo de converxencia “que busca o obxectivo de que o financiamento, a medio prazo, dinamicamente, unha vez axustado por habitante, tenda a converxer, é dicir, que non haxa desequilibrios no financiamento por habitante entre comunidade autónomas, que poida haber unha tendencia á converxencia no sistema”, explicou.

Xunto con isto, referiuse ao Fondo de compensación interterritorial que “queda fóra” do sistema de financiamento autonómico pero existe no documento “un compromiso de revisalo como un instrumento de nivelación e, polo tanto, de fortalecer, de mellorar o financiamento dese fondo”, algo que, en principio, desde a perspectiva de Galicia “é positivo”, subliñou.

Obxectivo de desgastar
O xefe do Executivo galego criticou a actitude do responsable do PPdeG, asegurando que o único que persegue coas críticas ao financiamento autonómico é desgastar. “Ao señor Feijóo vexo que lle preocupa, debe ser o único político, con Rajoy, que lle preocupa o déficit en momentos de crise”, indicou lembrando que todos os países da Unión Europea e mesmo Estados Unidos están recorrendo ao déficit para tomar medidas para paliar a situación económica. Por iso dixo non entender que a alguén se lle poida ocorrer, “salvo para desgastar, para confrontar e para opoñerse, pensar e dicir que non hai que incorrer en déficit”.

“Galicia incorre nun déficit dun punto do PIB. Isto desgañita, pon nervioso ao señor Feijóo. Imaxinen vostedes se gobernara aquí o PP cal sería a súa resposta á crise: recortando, recortando e recortando. Isto parece ser que é o que se deriva de tan brillante achega”, concluíu.