VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, asegurou hoxe que non ter un novo Estatuto significa un problema para Galiza en moitos aspectos, como o do financiamento autonómico lembrou, “un problema que temos que resolver na próxima lexislatura se non queremos quedar atrás”. Por iso, Quintana agarda que o novo Parlamento galego que se conforme tras as eleccións sexa cualitativamente diferente e que o Partido Popular entenda, tras o retroceso que vai sufrir, que por ese camiño non vai a ningunha parte e que non pode impedir que Galiza teña un novo Estatuto. O vicepresidente fixo hoxe estas declaracións nunha entrevista nos servizos informativos de RNE.
Para explicar a importancia de dispor dun novo Estatuto, Anxo Quintana puxo o exemplo do financiamento autonómico. “Eu vexo ao PP queixarse de se Cataluña negocia con Madrid e están nunha negociación bilateral e que a iso non hai dereito. Pois Cataluña ten todo o dereito do mundo a negociar con Madrid, pero hai unha cuestión que o señor Feijoo non pode esquecer e é que, se el non tivese impedido que Galiza tivera un novo Estatuto, se nós tiveramos agora un novo Estatuto igual que o ten Cataluña, e tiveramos blindado o modelo de financiamento nese Estatuto, hoxe Madrid tiña que estar negociando con Galiza igual que negocia con Cataluña”, dixo Quintana para lembrar logo que foi Núñez Feijoo o que impediu que Galiza teña un novo Estatuto, a maior transferencia que Galiza puido ter tido nesta lexislatura, ao entender do vicepresidente.
Quintana respondía así ademais, na entrevista en RNE, a unha frecuente crítica do PPdeG sobre a escaseza de transferencias realizadas ao longo da presente lexislatura. Logo de resaltar a imposibilidade dun novo Estatuto para Galiza por mor do Partido Popular, o vicepresidente asegurou ademais que o PP “non bota ben as contas ou minte directamente porque nestes tres anos e medio tivemos dúas veces máis transferencias, o dobre de transferencias, das que conseguiu o PP na última lexislatura do seu mandato e iso que tiñan maioría absoluta en Madrid”.
Quintana amosouse moi estrañado de que o señor Feijoo se queixe frecuentemente de que non temos suficientes transferencias, xa que “el impediu a maior transferencia para Galiza, que era ter un novo Estatuto, un novo Estatuto que nos garantira un ámbito competencial ambicioso. Pois o señor Feijoo impediu, coa súa minoría de bloqueo, que Galiza tivera un novo Estatuto. Polo tanto, non ten moito pé a queixarse de se temos moitas ou poucas transferencias”.
Plan eólico
Preguntado sobre a posible influencia da crise no vindeiro proceso electoral, o vicepresidente da Xunta amosouse convencido de que se algo ten demostrado o nacionalismo galego nestes tres anos e medio de goberno é que “somos unha forza política que cumpre, unha forza política que ten un proxecto transformador e unha forza política comprometida co país e isto é unha garantía para a defensa dos intereses de Galiza”. Destacou que isto é o que a xente agora está reclamando nun tempo difícil coma este, “nós non queremos xestionar o modelo do Partido Popular, nós queremos ter un modelo alternativo e nós nas nosas propostas así o facemos”.
Entre as medidas para este novo modelo de facer política e de facer país, o vicepresidente explicou que, por exemplo, dende Galiza se leva toda a vida dicindo que en Galiza, gran produtora de enerxía eléctrica, sería necesario e xusto que os galegos e as galegas se beneficien disto, sendo os primeiros en beneficiarse desa condición de Galiza como produtora de enerxía eléctrica. “E agora que tivemos oportunidade, pois fixemos un concurso eólico para que gañase Galiza, para que iso non fose unicamente en beneficio de catro empresas de fóra, senón para que gañase Galiza. Polo tanto, somos unha forza política que cumpre e que estamos levando adiante un cambio transformador e eu creo que nun momento difícil coma este a xente é o que busca”, expuxo Quintana.
Preguntado sobre as críticas que foron xurdindo ao plan eólico, o vicepresidente asegurou que “gobernar sempre ten problemas, un non ten problemas se non fai nada, se chega ao goberno e o que fai é o mesmo que facían os outros. Pero eu creo que non estamos aquí para iso”. Quintana indicou que el non entende o goberno unicamente como un goberno para xestionar o momento presente, senón que entende que “o goberno ten que servir para transformar positivamente as cousas, para facer unha nova política, para que sexa autenticamente de cambio, para utilizar os nosos recursos en favor da xente”.
Por iso resaltou que, co tema da enerxía, o que estaba cansa a xente de Galiza era de ser aquí produtores de enerxía eléctrica, de ter os mellores vales de Galiza cheos de auga para producir enerxía eléctrica que despois vai para outras partes, de pagar a luz igual cós demais e de que as empresas galegas non teñan posibilidades de acceder ao servizo eléctrico en mellores condicións có resto do Estado. Para facer fronte a esta situación, o novo Goberno galego apostou porque, quen coloque os futuros muíños de vento en Galiza, “unha parte dos beneficios para o erario público, para que todos os galegos e galegas se poidan beneficiar, e aquel que queira colocar muíños de vento, que dan moitos beneficios, ten tamén que facer empresas en Galiza, para crear postos de traballo e que o beneficiario sexa Galiza. Eu creo que este é o auténtico cambio que a xente esperaba e isto é o que fixemos.
Con todo, o vicepresidente Quintana dixo entender que hai xente que non está de acordo con este proxecto. Preguntado sobre as críticas de algúns grupos ecoloxistas, mostrouse convencido de que ningún ecoloxista pode estar en contra da enerxía eólica, xa que o ecoloxismo mundial e os ecoloxistas de todo o mundo, incluídos os ecoloxistas galegos, entre os que dixo atoparse, saben que o maior problema que ten hoxe a humanidade, en materia de destrución medioambiental, é a utilización para produción enerxética de combustibles fósiles e finitos que hai que ir substituíndo por outros de orixe renovable, como é o vento. “Polo tanto, promover a enerxía eólica é unha medida medioambiental positiva e eu creo que dende esa perspectiva hai que miralo. Despois efectivamente cada parte ten que cumprir as condicións medioambientais como todo neste mundo, pero non só un parque eólico.
Falando do plan eólico, Quintana rematou destacando e garantindo que todos os novos parques eólicos o que van é a cumprir a lei, “e o que non pode ser é o criterio meu, nin o teu, nin o de calquera membro de calquera directiva ecoloxista, a lei é a que nos obriga a todos, e en calquera cas,o o beneficio para Galiza é tan evidente”. O vicepresidente dixo que hai que ter en conta que os parques eólicos que agora se van pór en marcha van xerar un investimento superior aos 1.000 millóns de euros, nun tempo de crise coma este, e os proxectos industriais asociados a eses parque eólicos van xerar nos próximos anos 8.000 postos de traballo. “Acaban de saír as últimas cifras do paro e non vamos ben, é necesario polo tanto crear emprego, así que o que sae beneficiado é Galiza e eu estou seguro de que, ao final, todos estamos de acordo en que isto é un paso importantísimo para Galiza”, dixo Quintana, ao tempo que gabou o labor vixilante e atento dos grupos ecoloxistas a este tipo de cuestións, “que ademais é positivo que o fagan porque nos obriga a estar atentos e a actuar no camiño correcto”.
Eleccións galegas
Preguntado sobre as novidades máis significativas das próximas eleccións xerais, o vicepresidente asegurou que a novidade máis grande e a incógnita principal a resolver será saber canto vai subir o nacionalismo galego, “porque todas as enquisas aseguran que o BNG vai subir e o que está por ver é canto, e quizais esta sexa a única cuestión a dilucidar nestas eleccións, porque todo o mundo sabe que o Partido Popular non vai gobernar”. Quintana mostrouse convencido de que todos saben que o PP non vai gobernar porque o PP exclúese do diálogo e exclúese do acordo, “e en Galiza non vai haber maiorías absolutas, e polo tanto, o PP non vai gobernar, iso está xa sentenciado”. En reflexión sobre o PSdeG, lembrou que ninguén outorga ao PSOE un resultado moi diferente ao que agora mesmo ten e sobre o BNG recordou que todo indica que vai subir, “o que está por ver é canto e nós vamos traballar para que sexa o máximo posible”.
O vicepresidente destacou que o bo da democracia é poder dispor de alternativas, “hai tres alternativas, tres propostas e cada un ten que presentar as súas propostas á sociedade. Agora quen ten que falar é o pobo e estamos na obriga cada un de dicir o que pensamos”. Asegurou que isto é o positivo da democracia e comprometeuse a que, se o pobo galego lle dá a maioría absoluta ao nacionalismo galego, o BNG executará ao cen por cento o programa que presenta, pero se non lla dá haberá que chegar a puntos de encontro con outras forzas políticas. Con todo, amosouse convencido de que, como o BNG cumpre e como o BNG ten un proxecto transformador, “é polo que a sociedade hoxe lle está dando cada vez máis apoio e por iso somos unha forza política en ascenso”.
Debates electorais
O vicepresidente da Xunta salientou, durante a entrevista en RNE, que o nacionalismo galego ten feito unha boa contribución á democracia ao lograr introducir a dinámica dos debates nos procesos electorais. “Eu recordo que fai catro anos, cando propuxen que houbese un debate entre todos os candidatos, todo o mundo se rachou as vestiduras. Finalmente houbo debate, fai catro anos, pero nin o candidato do PP nin o candidato do PSdeG foron. E agora vexo algunha proposta por aí un tanto estraña dun debate a dous”, explicou Quintana, que engadiu ademais que de ser así, un debate a dous, “o problema será deles, dende logo. Eu o único que podo dicir é que acudirei a todos os debates aos que se me convoque, aos que non se me convoque evidentemente non poderei ir”. Resaltou así que, ao seu entender, se se fai un debate a dous, excluíndo ao nacionalismo galego, “pois, tanto os que o programen como os que vaian, van ter que pasarse a metade do debate dando explicacións á xente, porque iso non o entende ninguén en Galiza, absolutamente ninguén”.
Anxo Quintana tamén se referiu á xustificación que vén dando estes días o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, para realizar un debate a dous e sentenciou que, “se do que se trata, como di o señor Feijoo, é de que debatan aqueles dous que teñen posibilidades de gobernar, que foi o que lle escoitei dicir ao señor Feijoo, pois entón debemos debater o señor Touriño e eu, que somos os que temos posibilidades de gobernar, porque o señor Feijoo non vai gobernar baixo ningún concepto”. Con todo, Quintana considera que os debates non se poden medir así, “nos debates a xente o que quere é coñecer a opinión de todos os líderes, de todos os candidatos á presidencia da Xunta, que hai tres e os tres deberiamos de estar”.
Voto emigrante
A preguntas sobre a imposibilidade de que nestas próximas eleccións os emigrantes galegos poidan votar en urna, o vicepresidente Quintana cualificou isto como unha auténtica desgraza, acusando ás forzas políticas estatais, tanto o PP como o PSOE, de acordarse só do voto emigrante cando non gobernan. “O voto emigrante, tal cal está, é un auténtico escándalo antidemocrático, un auténtico pucheirazo, algo inaudito na Europa moderna e na Europa democrática. Pero claro, o voto tal cal está favorece sempre ao partido que goberna en Madrid e isto o que leva é a que o PP cando goberna en Madrid non quere cambialo e ao PSOE pásalle o mesmo”, explicou Quintana.
O vicepresidente expuxo que, ao seu entender, esta é unha cuestión de principios, na que non se deben facer cálculos electorais en beneficio de ningún, senón que debe ser unha cuestión de principios. “E é imposible, á altura dos tempos nos que estamos, que haxa un modelo de votación no que poden votar os mortos, no que unha persoa pode votar por varias, no que os votos se meten en sacas como na época de Romanones e se levan por mecanismos de correo que están en mans privadas, que nin sequera é o Estado quen salvagarda eses votos”, sinalou, para concluír que esta é a realidade que temos hoxe en día co voto dos emigrantes.
Eleccións vascas
Durante a entrevista, ao ser preguntado pola coincidencia entre as eleccións galegas e as vascas, o vicepresidente amosouse encantado desta circunstancia, xa que polo menos deste xeito, aos medios de comunicación e os opinadores dende Madrid só lles vai interesar Euskadi, “e iso garántenos que vamos escoitar menos barbaridades das que nos teñen acostumados e será unha desgraza para Euskadi que terán que soportalas eles”. Quintana resaltou que en Galiza o que se vai decidir é o presidente de Galiza, non o presidente de Madrid nin o presidente de Euskadi, “e en Galiza, aos galegos e galegas, o único que lles ten que importar nestas eleccións, que son para Galiza, é decidir o mellor para o noso país”.
Quintana explicou que nestas eleccións o nacionalismo galego ten postas moitas expectativas e moitas ilusións, “porque a xente sabe que, máis representación para o BNG, é igual a máis defensa dos intereses de Galiza”. Destacou ademais que o BNG é unha forza política en ascenso, “grazas a ter un proxecto transformador, a executalo no goberno e a ter defendido a Galiza en todo o trance”.
Anxo Quintana engadiu ademais que, en política, hai unha cuestión moi importante, que é cumprir coa palabra. E puxo como exemplo as pasadas eleccións xerais, nas que o BNG pediulle o apoio á xente para que Galiza fose decisiva en Madrid, comprometéndose a utilizar a representación acadada en Madrid para conseguir que Galiza decidise e que Galiza saíse beneficiada. “Pois un ano despois nós vamos presentarnos ás eleccións galegas cunha carta de servizos, dicíndolle á xente: déstesnos a vosa confianza nas eleccións xerais e os nosos dous deputados en Madrid conseguiron participar na gobernabilidade do Estado, axudaron a aprobar os orzamentos e diso Galiza saíu beneficiada, tivemos máis investimento estatal, máis financiamento para a lei de dependencia, máis autogoberno e máis posibilidades de dar seguimento aos investimentos estatais en Galiza”. Polo tanto, con esta carta de servizos que o nacionalismo galego pode presentar aos galegos e galegas, Anxo Quintana concluíu que “somos unha forza política que cumpre e que defende os intereses de Galiza e iso é a mellor carta de presentación para unha forza política cando ten que pedirlle a confianza aos cidadáns”.