A GUARDA (MORRAZO-tribuna).- O pasado 29 de decembro o portavoz municipal do BNG, Xan Lois Lomba, presentou no rexistro do concello da Guarda unha moción na que solicitaba un pleno extraordinario para discutir unha proposta sobre o Fondo de Investimento Local, para a realización de diferentes proxectos durante o ano 2.009.
O BNG, no dereito que lle atinxe, presentou unha serie de propostas en tempo e forma que atenden á necesidades diversas en diferentes zonas do concello. Para o BNG, "A reacción do Sr. Alcalde, Domínguez Freitas, lonxe de intentar chegar a un acordo rematou nunha nota de prensa na que se difama a esta formación política, acusando ao portavoz municipal do BNG de “tardón e despistado” pola iniciativa presentada, dúas cuestións que xa foron desmentidas polos nacionalistas en diferentes medios. A saída de ton do Sr. Freitas chega a tal nivel que mesmo ten a ousadía de utilizar a páxina Web do concello para arremeter contra o BLOQUE NACIONALISTA GALEGO e o seu portavoz, Xan Lois Lomba".
A formación nacionalista cualifica de " feito gravísimo que o Sr. Alcalde utilice un medio que está pagado por todos os cidadáns para o seu uso partidista. A páxina web do concello é un portal para amosar as excelencias da Guarda, así como información de diversa índole aos cidadáns; non desde logo un panfleto a disposición do Alcalde de turno para saír a palestra a atacar dun xeito tan mesquiño a outros representantes políticos. Dende o BNG entendemos que este tipo de comportamentos amosan un xeito de proceder propio doutros tempos e doutro réxime; que por certo ningún outro alcalde se atreveu a utilizar polo de agora. Sorpréndenos e alármanos que a “Outra forma de gobernar” do que tanto leva falado o Sr. Freitas se materialice na práctica en comportamentos tan pouco éticos coma este".
Enlazo da páxina web da Guarda onde aparece a noticia:
http://www.aguarda.es/index.php?option=com_content&task=view&id=292&Itemid=231