11 enero 2009

Foto del día : Quintana y sus "cabeza de lista"...


VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, asegurou esta mañá en rolda de prensa tras o Consello Nacional que esta forza política encara as vindeiras eleccións “dirixíndose a todos os cidadáns galegos, aos que son nacionalistas e aos que non o son; aos que falan galego e aos que falan castelán”. “Contamos con todos para pedirlles o seu apoio a unha alternativa nacional, de progreso, de benestar e orgullosa do noso idioma”, asegurou.

Quintana compareceu acompañado de Teresa Táboas, número 1 pola circunscrición de Pontevedra, Alfredo Suárez Canal (1º por Ourense); Fernando Blanco (1º por Lugo) e Ana Pontón (número 2 pola Coruña). Anunciou que el mesmo, como é xa tradicional, encabezaría a candidatura pola circunscrición da Coruña, por ser a da capital de Galiza, así como a aprobación das listas definitivas e do programa electoral por parte do máximo órgano entre asembleas

Para o candidato, os nacionalista son “unha forza política en ascenso”. “Estamos en condicións de obter un resultado histórico e imos ser a forza política que marque a diferenza nesta campaña electoral”, asegurou.

Alternativa transformadora

Segundo Quintana, o BNG vai presentar unha alternativa transformadora, próxima á xente, pensando en facer política para a xente e comprometida co país. “A nosa misión non é xestionar o modelo que nos deixou o PP, senón cambialo. Xa o fixemos durante 3 anos e medio de lexislatura e o que pretendemos é profundar no cambio”, asegurou.

Exemplificou ademais a “proximidade á xente” en que “para nós, o nacionalismo é sinónimo de benestar” e reafirmou que “a nosa proposta é unha proposta para o conxunto da sociedade, para os que son nacionalistas e os que non o son”. Así, asegurou que en Galiza hai unha maioría social que “independentemente de a quen teña votado sabe que o BNG é unha garantía para a defensa dos intereses do país”.

“A forza política da proposta e o debate”

O líder do BNG comprometeuse a facer unha campaña de propostas, asegurando que esta é “a forza política da proposta e do debate”. “Que ninguén espere do BNG unha campaña de descualificacións”, afirmou.

“O BNG empeza a precampaña xa cunha vitoria porque hoxe está en debate”, dixo. Lembrou que “debates xa os houbo nas pasadas eleccións autonómicas e municipais, nas xerais e con motivo da reforma estatutaria” e “quen sempre asistiu e reclamou debates foi o BNG”. Para Quintana, iso “é un éxito e agora algúns están vendo como escapar da nosa presenza”.

Ademais, sinalou que a asistencia aos debates debe ser “unha cuestión de principios e compromiso democrático e non de simple cálculo electoral”. Sobre a posíbel exclusión do BNG nun debate, asegurou que “quen terá que dar explicacións á sociedade galegas serán os participantes nese debate, non nós”.

Segundo o portavoz nacional, os nacionalistas son os únicos que están a presentar propostas concretas nesta campaña: “reactivación da construción naval, Instituto de Crédito Galego, aposta polos servizos públicos básicos, acceso universal á vivenda, revitalización do medio rural e impulso dunha cultura nacional da que Galiza se poida sentir orgullosa”.

“Que falen Rajoy e Zapatero”

“Temos propostas, pero non coñecemos as das demais forzas políticas”, asegurou. Así, instou a PP e PSOE galegos a aproveitar a presenza dos seus líderes estatais, “que polo visto son os que mandan”, para dar a coñecer a súa mensaxe: “Gustaríame saber o que pensa o señor Rajoy sobre financiamento autonómico, porque a sociedade galega non pode esquecer que Galiza non conta cun novo Estatuto por culpa do PP”. “Se Galiza tivese un novo Estatuto estaría falando de ti a ti co Estado e negociando un novo modelo de financiamento”, lembrou.


“E de paso, xa que vén o señor Zapatero, que nos diga se está disposto a que Galiza teña un novo Estatuto ao mesmo nivel que Cataluña e está disposto a negociar de xeito bilateral o financiamento que precisa o noso país”, afirmou.

Sobre as candidaturas

Segundo Quintana, as listas do BNG “son froito dun proceso democrático, de participación, no que os militantes, as compañeiras e compañeiras son os protagonistas da decisión”. “Foi un proceso con grande participación nas comarcas, e finalmente estas candidaturas foron aprobadas con case o 85% de votos afirmativos no Consello Nacional, unha porcentaxe similar á recibida nas comarcas”

Tamén gabou a representatividade destas candidaturas, na que hai militantes nacionalistas das distintas comarcas, destacando que son “froito dos equilibrios necesarios que unha forza democrática e plural debe ter”.

Enquisas e campaña

A preguntas dos xornalistas sobre as enquisas, salientou que “independentemente de quen as faga, todas revelan que o BNG vai subir” e asegurou que a única incógnita das eleccións será a magnitude deste ascenso. “O PP está condenado a non gobernar, como forza que se autoexclúe do diálogo”, dixo.

Ademais, sobre a posíbel “obamización” da campaña galega, Quintana asegurou que “Obama nos copiou a nós, cunha campaña próxima á xente, como as que leva facendo o BNG desde hai moito tempo”. “A xente busca formacións políticas alternativas e transformadoras, xa que a política tradicional fracasou”. “Nós imos utilizar con sentidiño, moderación e raciocinio ese carácter do Bloque Nacionalista Galego”, concluíu.

Lista da Coruña: 1, Anxo Quintana González. 2, Ana Pontón Mondelo. 3, Carlos Aymerich. 4, Ana Luísa Bouza. 5, Fernando Branco Parga. 6, Pura Ferreño Saia. 7, Manuel Antelo Pazos. 8, Dominga Brión Sanmiguel. 9, Xosé Regueira Varela. 10, Rosário Fernández Velho.

Lista de Pontevedra: 1, Teresa Táboas Veleiro. 2, Henrique Viéitez Alonso. 3, Carme Adán Villamarín. 4, Bieito Lobeira Domínguez. 5, Carme da Silva Méndez. 6, Xosé Ramón Paz Antón. 7, Montse Prado Cores. 8, Roberto Mera Covas. 9, Iria Aboi Ferradás. 10, Xosé Manuel Méndez Díaz.

Lista de Lugo: 1, Fernando Blanco Álvarez. 2, Isabel Sánchez Montenegro. 3, Manuel Parga Núñez. 4, Esther López Rodríguez. 5, Balbino Fernández López. 6, Cristina Ferreiro López.

Lista de Ourense: 1, Alfredo Suárez Canal. 2, Tereixa Paz Franco. 3, Iago Tabarés Pérez-Piñeiro. 4, Isabel Gacio Pacios. 5, Anxo Collarte Pérez. 6, Tereixa Devesa Graña.