12 enero 2009

O PP entende que o conselleiro de Traballo está, mais unha vez, enganando descaradamente aos galegos

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).-O PP regresa este luns á batalla dialéctica. E faino con estes números : Todos os datos relacionados co comportamento do mercado do emprego en Galicia fan saltar polos aires as previsións ofrecidas ata o de agora polo conselleiro de Traballo, Ricardo Varela. Así, e fronte á promesa da Xunta de rematar o ano 2008 con 22.500 novos afiliados á Seguridade Social, os datos oficiais certifican que o pasado mes de decembro concluíu con 27.827 cotizantes menos que un ano antes. Para o PP de G : "Os datos son sempre negativos con independencia da lectura que se faga. Así, en xullo de 2008 sitúase o punto de inflexión na situación da afiliacións, con 1.094.898 cotizantes. Nos 5 meses transcorridos desde entón, o número de afiliados caeu en picado ata sumar un descenso de 40.217, que pode ir a máis nos próximos meses ante a ausencia de medidas encamiñadas a inverter o avance da crise".

Deste xeito, outra das promesas do conselleiro de Traballo, a consistente en rematar o ano 2009 con 1.125.000 afiliados á Seguridade Social en Galicia tamén está seriamente comprometida, xa que para facela realidade será preciso incrementar o número de cotizantes en 70.319 nos vindeiros 12 meses. “É obvio que terá que producirse un cambio de Goberno para acadar tal obxectivo, vista a indolencia do bipartito para enfrontar a situación do mercado laboral en Galicia”, asegura o portavoz parlamentario do PPdeG, Manuel Ruiz Rivas.

MOJITOS VERSUS COMPETITIVIDADE

Para o voceiro parlamentario dos populares galegos, a brusca caída do número de cotizantes á Seguridade Social confirma a “realidade dramática” que atravesan milleiros de familias en Galicia, que se senten abandonadas á súa sorte por un Goberno que dedicou os últimos catro anos a disfrutar da moqueta, do coche oficial, de despachos suntuosos e de viaxes de luxo con mojitos incluídos pagados cos impostos de todos, sen adoptar medida algunha que redundase nunha mellora da competitividade da economía galega.

Agrega Ruiz Rivas que o acelerado descenso do número de afiliados no segundo semestre do ano tamén deixa en evidencia a ineficacia das supostas medidas contra a crise presentadas en reiteradas ocasións polo Goberno bipartito e que, na súa opinión, non tiveron máis utilidade, que a de proporcinar unha plataforma para a promoción política e persoal de Touriño.

CONSELLEIRO DE TRABALLO DEDICADO A OUTROS MENESTERES

Simultaneamente, o PPdeG reprocha ao conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, que en lugar de ocuparse das competencias dese departamento, dedicase a lexislatura que agora remata á secretaría de Organización do PSdeG-PSOE, incluída a trama para financiar con fondos públicos a rede de axentes electorais socialistas na emigración. Así quedou de manifesto coa imputación do xulgado de Corcubión que leva o caso da axente electoral, e no que está imputado o alcalde de Muxía, o socialista Félix Porto.

Alerta tamén o voceiro popular da precariedade do emprego en Galicia, como pon de manifesto o feito de que o 90% dos contratos asinados no pasado mes de decembro foron de carácter temporal.