VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O voceiro de Medio Ambiente do Grupo Popular, Jaime Castiñeira, interpreta que os últimos acontecementos rexistrados en Sogama, cuias instalacións foron rexistradas pola Garda Civil, “estreitan o cerco sobre o señor X, o conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, por ser o responsable último de cantas ilegalidades se teñen cometido nesa empresa pública no que vai de lexislatura”.
A xuízo de Jaime Castiñeira, o “silencio parlamentario cobarde” mantido polo conselleiro de Medio Ambiente, que leva meses negándose a comparecer na Cámara para explicar as irregularidades de Sogama, acentúa aínda máis as sospeitas que pesan sobre el.
O feito de que onte mesmo, coincidindo coa operación desenvolvida pola Garda Civil, o conselleiro volvese respaldar públicamente ao seu protexido, o presidente de Sogama, fai que o futuro político de Manuel Vázquez queDe “indisolublemente unido ás ilegalidades cometidas por Sogama”, asevera o deputado popular.
Ante o cariz que están a tomar os acontecementos, o PPdeG recorda que cando o voceiro de Medio Ambiente denunciou no Parlamento as irregularidades cometidas en Sogama –vertido tóxico ao río Lengüelle e adxudicación irregular de varios contratros, entre eles un por valor de 19 millóns de euros para a automatización do complexo de Morzós- o conselleiro Manuel Vázquez, tildou de “inconsistente político” e de “cantamañanas” a Jaime Castiñeira. Sen embargo, o paso do tempo está a demostrar, unha por unha, a veracidade das denuncias populares e fai saltar polos aires a escasa credibilidade de Manuel Vázquez.
O PPdeG reitera a súa confianza na investigación xudicial que se está a desenvolver e reitera que o paso do tempo pon a cada quen no seu lugar, especialmente aos que cometen irregularidades ignorando o imperio da lei.