13 enero 2009

Más adquisiciones para el parque
de maquinaria de la Deputación


VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O presidente da Deputación, Rafael Louzán, presentou hoxe un novo equipo de catro máquinas desbrozadoras hidráulicas que reforzarán o servizo de limpeza de estradas da provincia. Segundo manifestou o titular do organismo provincial, a Deputación investirá este ano 2009 un orzamento de tres millóns de euros en medios técnicos e actuacións que permitirán renovar a imaxe e aumentar a seguridade das vías de comunicación da provincia.
Ademais das catro desbrozadoras que acaba de adquirir a institución por un orzamento de 82.000 euros, as brigadas da Deputación terán á súa disposición 10 desbrozadoras máis que van a ser alugadas “ de xeito que a partires do día 20 teremos 14 máquinas funcionando a pleno rendemento”, afirmou Louzán. Estas dotacións serán ampliadas ademais coa compra dunha retroescavadora e dunha motoniveladora.

Tamén recordou Louzán outras accións que se levarán a cabo como o pintado da sinalización horizontal de estradas da zona norte, centro e sur e o subministro de novos elementos de sinalización vertical, tan importantes para a seguridade vial.
Características técnicas das desbrozadoras
As novas desbrozadoras dispoñen dunha función que permitirá executar a limpeza das marxes tamén por detrás da bionda de seguridade, unha acción que ata o momento facíase manualmente.
As catro máquinas teñen unha capacidade de rendemento teórico anual de 1.000 quilómetros ó ano. Calculando este rendemento para as 14 desbrozadoras a Deputación terá capacidade para limpar 3.500 quilómetros de carreteras ó ano, é dicir, máis de dúas veces a rede provincial de estradas que está formada por 1.600 quilómetros.
As catro desbrozadoras modelo GL-1 KA 550 DP 130 avanzada, están dotadas de brazo hidráulico para acoplar a tractor, con alcance hidráulico horizontal dende o centro do tractor de 5,65 metros; cabezal avanzado de 1,30 metros de labor; brazo lateral hidráulico; motor hidráulico en carcasa con rotación reversible; coitelas curvas e planas, velocidade do rotor de 3.000 revolucións por minuto; potencia de corte de 48 CV; válvulas de seguridade en cilindro principal, mandos en cabina; antiproxección dianteira e traseira do cabezal; parachoques traseiro con equipo de luces e chaves de paso independentes en cilindros hidráulicos.
Traslado do Parque e edificio de Educación
Noutra orde de cousas, o presidente da Deputación, Rafael Louzán comentou sobre o posible traslado da sede do Parque de Maquinaria a terreos de Barro-Meis que “é unha situación que temos que avaliar dentro do diálogo co Concello de Pontevedra”.
Sobre o edificio de Educación situado na Avenida de Montero Ríos, Louzán comentou que “estamos esperando dende mediados de 2008 a que nos entreguen as chaves. Necesitamos o espazo para poder desenvolver de forma óptima o elevado volume de traballo que se realiza dende a Deputación”. Por este motivo Louzán solicitou finalmente a entrega inmediata deste inmoble.