13 enero 2009

Touriño anuncia varios acuerdos e intenciones tras su segunda jornada en Lisboa

LISBOA (MORRAZO-tribuna).- O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, avanzou hoxe que está previsto que, no vindeiro mes de abril, se produza a declaración como Reserva da Biosfera do parque transfronteirizo Xurés-Gerês. Así o asegurou logo da xuntanza que mantivo esta mañá co ministro de Ambiente, Ordenación do Territorio e Desenvolvemento Rexional de Portugal, Francisco Nunes Correia, nun encontro no que tamén participaron o titular de Medio Ambiente de Desenvolvemento Sostible, Manuel Vázquez, e a conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María José Caride, e o secretario xeral de Relacións Exteriores, Julio Fernández Mato, entre outros.

Durante a xuntanza, segundo explicou Pérez Touriño, “puxemos en valor este proxecto compartido para lograr a declaración, por parte da Unesco, da Reserva da Biosfera do parque Xurés-Gerês”. “Estamos a falar de dous espazos senlleiros, protexidos, o do único parque nacional do lado portugués e o parque natural máis grande da parte de Galicia”, abondou o presidente galego indicando que, en total, abrangue un territorio de máis de 33.000 hectáreas.

“Un espazo que será no seu caso, esperamos que así sexa, no momento de ser declarado reserva da biosfera o primeiro parque, a primeira declaración dun parque conxunto no espazo ibérico”, abondou insistindo en que a tramitación “está moi avanzada” e que pola información da que dispoñen “temos a idea de que antes do verán, en torno ao mes de abril, é probable que se produza a decisión da toma da candidatura”.

Revalorizar o ecosistema do Miño
Así mesmo, segundo coincidiron en destacar o ministro de Ambiente e o presidente da Xunta, durante o encontro mantido está mañá ambos acordaron traballar conxuntamente para converter o río Miño “nun proxecto compartido entre os dous Gobernos para revalorizar este espazo e ecosistema”. Trátase dun espazo “de gran valor simbólico para ambas rexións”, explicou o ministro Francisco Nunes Correia, incidindo en que hai moitos proxectos nesta materia que impulsar e nos que colaborar.

Proxecto Raia de posta en marcha do Observatorio oceánico
No ámbito do medio mariño, na xuntanza abordáronse as posibilidades e as “grandes capacidades” existentes en ambos os dous territorios, en particular, o proxecto Raia, de posta en marcha dun observatorio oceánico, constituíndo unha infraestrutura transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal de observación do océano e unha extensa rede de oceanografía operacional baseada na monitorización e a predición do océano mediante o uso de modelos numéricos e a construción e desenvolvemento de novas plataformas océano-meteorolóxicas nas desembocaduras dos ríos Douro e Miño, da ría de Vigo e na plataforma costeira á altura de Porto e Cabo Silleiro. Esta iniciativa, segundo aseverou o presidente da Xunta, conta cun orzamento de máis de 3,5 millóns de euros (3.563.193 euros)

Este proxecto forma parte do programa Interreg Galicia-Norte de Portugal, 2009-2011, e espérase que sexa aprobado, definitivamente, a finais do mes de xaneiro. A partir de aí, e coa dotación económica correspondente, porase en marcha o sistema.

Outros proxectos Interreg Galicia-Norte de Portugal
No encontro mantido esta mañá os representantes da Xunta e do Ministerio de Ambiente de Portugal tamén abordaron os proxectos previsto no marco do programa Interreg Galicia-Norte de Portugal, 2009-2011. Son un total de sete proxectos que contan cun orzamento global de case 18 millóns de euros (17.899.949 euros) dos cales a Consellería de Medio Ambiente da Xunta achega preto de 2 millóns.

Estes proxectos englóbanse en dous grupos: os promovidos pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza, que contan cun orzamento global de 2,5 millóns de euros, dos que a Xunta achegou 625.000 euros. Trátase dos proxectos, mencionados anteriormente, do Xurés-Gerês, de xestión destes parques naturais, e do Natura Miño-Minho, para a valorización dos recursos naturais desta conca hidrográfica. E os cinco proxecto restantes son os que foron desenvolvidos pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible, a través do Centro de Información e Investigación Ambiental de Galicia e Meteogalicia. O orzamento deste proxectos ascende a 15.399.949 millóns de euros, dos cales a Xunta inviste 1.414.323 euros.

Neste grupo inclúese, ademais do Raia, a iniciativa Arcopol, que pretende mellorar as capacidades de prevención, resposta e mitigación de verteduras de hidrocarburos e químicos inertes, co obxectivo de establecer as bases dunha rede sustentable de expertos na rexión Atlántica. Conta cun orzamento global de 3.072.233 millóns de euros.

O proxecto Easyco, cun orzamento de 2.688.476 euros, ten como obxectivo construír unha infraestrutura policéntrica de modelado oceánico operacional no conxunto do espazo Atlántico, unindo as capacidades de 5 países para realizar previsións de hidrodinámica e bioxeoquímica a escala rexional usando unha resolución espacial duns poucos quilómetros.

Reinforce é o proxecto orientado a poñer en común os recursos humanos e técnicos de 12 institucións do Espazo Atlántico, para desenvolver instrumentos transnacionais conxuntos que permitan adaptar o seu patrimonio forestal ás consecuencias do cambio climático. O investimento total deste proxecto ascende a 3.932.849 euros.

O último dos proxectos en materia de desenvolvemento sustentable é o Adaptaclima, que conta cun investimento de 2.143.228 euros. Esta iniciativa pretende elaborar estudos de detalle nos diversos territorios dos socios implicados no proxecto que permitan, por unha banda, elaborar escenarios de previsión sobre os efectos do cambio climático a nivel local e, por outra, deseñar estratexias de adaptación ao cambio, pensadas especificamente para as peculiaridades dos sectores económicos locais.

AECT, cooperación de segunda xeración

Tanto o ministro de Ambiente luso como o titular do Goberno galego insistiron ademais na importancia da constitución da Agrupación Europea de Cooperación Territorial, con sede en Vigo, para abrir unha cooperación de segunda xeración entre ambos os dous territorios. Trátase dun “instrumento pioneiro na Península Ibérica e o terceiro existente en Europa”, subliñou Pérez Touriño agradecendo a aposta do Goberno de Portugal e de España para dotarnos deste novo organismo que, engadiu, “debe ser útil e marcarnos o nacemento dunha nova xeración de cooperación”. “Estamos configurando o equipo e esperamos que en breves días, xa no mes de febreiro, poñamos en marcha xa todo o funcionamento da AECT en torno a proxectos de alto interese”, concluíu Touriño ao respecto.