VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou no 31 de decembro pasado a Orde do 23 de decembro de 2008 pola que se aproba o Plan xeral de explotación marisqueira para o ano 2009 elaborado pola Consellería de Pesca e no que se establece o réxime necesario para permitir a explotación marisqueira en Galicia durante todo o ano, coas garantías dunha boa xestión dos recursos.
Na Orde, publicada no boletín autonómico, inclúense os plans aprobados para as autorizacións marisqueiras, para as zonas de libre marisqueo e para especies como o percebe, ourizo, navalla e longueirón, algas ou peneira (orella de mar). Así mesmo, establece as normas que rexerán o traballo nas zonas de libre marisqueo para este ano 2009, fixa os períodos autorizados para a explotación doutros crustáceos e para o emprego das artes de bou de vara e bou de man e especifica os pasos a seguir para a presentación de plans xa para o 2010.
Este ano o Plan xeral fixa tamén unha ampliación dos permisos de marisqueo a pé, con 122 novas prazas; dos permisos para embarcación, con 37 novos permex; así como 54 habilitacións para tripulantes destas embarcacións. Cabe destacar que, de entre os novos permisos de marisqueo a pé, un total de 92 son para marisqueo xeral, 27 son para a extracción específica de percebe e 3 para a recolección de ourizo.
Segundo consta na norma, para o ano 2009 aprobáronse por parte da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos un total de 214 plans de explotación, 46 para autorizacións marisqueiras (Cadro A) e 59 plans específicos para zonas de libre marisqueo (Cadro B), así como 33 para a explotación de percebe (Cadro D), 35 para navalla e longueirón (Cadro G), 19 para a extracción de ourizo (Cadro F), 17 para a explotación de algas (Cadro I) e cinco para a peneira ou orella de mar (Cadro H).
O Plan xeral de explotación marisqueira para o vindeiro exercicio establece como época autorizada para poder extraer moluscos nas zonas de libre marisqueo, que non se atopan suxeitas a ningún plan específico, do 2 de xaneiro ao 31 de marzo e do 1 de outubro ao 31 de decembro de 2009. Así mesmo, fixa os topes de captura para estas zonas, tanto para o marisqueo dende embarcación como para o marisqueo a pé, que se poden consultar no Cadro C da Orde publicada hoxe no DOG.
Así mesmo, regula os períodos autorizados para a explotación de certos crustáceos como é o caso da nécora, do 2 ao 5 de xaneiro e do 6 de xullo ao 31 de decembro; a centola e o boi, do 2 de xaneiro ao 30 de xuño e do 23 de novembro ao 31 de decembro; o santiaguiño, do 1 de outubro ao 31 de decembro, ou o lumbrigante e a lagosta, do 1 de xullo ao 31 de agosto, entre outros (consultar Cadro E da Orde).
Ademais, en canto a aquelas embarcacións que conten no seu permiso de explotación coas artes de bou de vara e bou de man, a Orde indica que poderán realizar as capturas con carácter xeral dende o 2 de xaneiro ao 31 de marzo e do 2 de novembro ao 31 de decembro de 2009.
Novidades destacadas
O Plan Xeral incorpora por primeira vez un plan de explotación de marisqueo a flote para a confraría de Fisterra para a extracción de ameixa rubia e babosa, ao terse detectado un importante banco marisqueiro na zona. Ademais, outros plans deixan de ser experimentais este ano para incluírse como plans de explotación nesta Orde, como é o caso do plan do ourizo da Confraría de Pescadores de Aldán.
É de destacar tamén que en 2009 mantéñense as novidades que se establecían no Plan xeral de explotación do ano pasado, como a elaboración de fichas técnicas para cada un dos plans de explotación, que conteñen de forma clara os detalles e condicións máis específicos dos mesmos: número de persoas e embarcacións autorizadas, zonas de traballo, calendario, topes de captura, accións de rexeneración a levar a cabo, entre outras consideracións. Estas fichas son entregadas a cada un dos interesados co fin de que teñan un documento para ter en conta en todo momento e que simplificará os trámites administrativos e poden ser consultadas nos portais web da Consellería de Pesca, http://webpesca.xunta.es e www.pescadegalicia.com.
Así mesmo, mantense a posibilidade de dúas opcións de mergullo para a recolla de algas e de navalla e longueirón nas rías galegas. Por unha banda, está permitida a extracción destes recursos coa modalidade de mergullo en apnea, e por outra a posibilidade da extracción a través do mergullo con subministración de aire dende a embarcación. Con esta última modalidade, preténdese incrementar a seguridade dos mergulladores profesionais.
Zonas de libre marisqueo con normas concretas
A Orde fixa as zonas de libre marisqueo que estarán sometidas a un plan específico de explotación e que non se rexerán polas normas xerais de libre marisqueo, senón por normas propias. Neste eido, o Plan inclúe este ano como novidade máis destacada que o banco de Cabío (na Pobra do Caramiñal) rexerase inicialmente polas medidas consensuadas entre a Consellería de Pesca e o sector e que actualmente están en vigor.
No caso dos bancos destinados ao marisqueo a pé na ría de Vigo, non se establece un plan conxunto como en anos anteriores, polo que a explotación destas áreas de produción queda estruturada en catro plans. Un aprobado para a Asociación Pedra de Oliveira de Vilabora para traballar na zona que vai dende o peirao de San Adrián a punta Cabalo; outro para a Confraría de Pescadores de Arcade dende a caseta do Ceboleiro ata Pedra dos Caralletes; e un plan para o pósito de Moaña na área que vai da ponte de Rande ata a praia de Canabal. Finalmente, naquelas zonas nas que se produza un solapamento entre os plans citados (nas zonas de Cunchido e Larache, Aradoiro e Calera, e a Illa dos Ratos), a Consellería de Pesca ditará as resolucións de apertura mensuais correspondentes tendo en conta os informes técnicos e trala petición conxunta das entidades interesadas.
Pola contra, no caso dos bancos de marisqueo dende embarcación das augas viguesas, a actividade marisqueira rexerase polas normas xerais de libre marisqueo que se establecen nesta Orde.
Para o que sí existirá un plan conxunto en 2009 será para a extracción de volandeira e zamburiña na ría de Vigo. Nel participarán os mariscadores dende embarcación das confrarías de Cangas, Redondela e Cíes Artesanais.
Como se elabora
A elaboración do Plan xeral de explotación marisqueira é anual e permite que o propio sector pesqueiro e marisqueiro participe de forma activa na responsabilidade da xestión dos recursos mariños.
Con este sistema son as propias entidades asociativas do sector as que presentan os plans de explotación que desexan, tanto para as súas autorizacións marisqueiras e zonas de libre marisqueo, como para recursos específicos como o percebe, a navalla e longueirón, os equinodermos ou as algas, entre outros. Despois da presentación dos plans, a Consellería de Pesca require dos seus biólogos e axentes de extensión, así como das diferentes unidades administrativas, os informes técnicos necesarios sobre o estado dos recursos a extraer, co fin de ter en conta a explotación sustentable dos mesmos. Con todo isto e unha vez consultado o sector procédese á aprobación ou denegación dos distintos plans de explotación.
*Nota.- Pódese consultar esta Orde accedendo ao Diario Oficial de Galicia de hoxe a través da páxina web da Xunta de Galicia: www.xunta.es.