03 enero 2009

O PP négase no Pleno de Ponteareas a contar cos veciños para decidir as obras a incluir no plan de investimento local

PONTEAREAS (MORRAZO-tribuna).- O BNG lamentou en Ponteareas que o goberno municipal do Partido Popular de Salvador González e Nava Castro rexeitaran, no Pleno, a proposta do BNG que pedía a participación dos veciños para decidir sobre as obras, de execución inmediata, a incluir con cargo ao fondo estatal de investimento local. O PP negouse a constituir unha comisión con este obxectivo, no pleno extraordinario celebrado este venres 2 de xaneiro, a petición dos nacionalistas.

Bolívar González, portavoz municipal do BNG, destacou a importancia de contar coa participación activa dos colectivos veciñais, porque son os que mellor coñecen as necesidades máis urxentes, para priorizar as obras a realizar no presente ano 2009, por importe de 3.966.484 euros con cargo a este fondo.

O BNG xa presentara esta proposta aos colectivos sociais do concello; asociacións de veciños, comunidades de montes, entidades culturais, traídas de augas, etc., plantexamento de participación que segundo González “foi compartido e moi ben acollido polos colectivos veciñais, como se demostrou polas aportacións realizadas conxuntamente por todos eles nas que marcaron as suas prioridades de obras que se deben incluir con cargo a este fondo”.

Bolívar González manifestou o apoio dos nacionalistas ás obras prioritarias comunicadas polos veciños. “Agardamos que o goberno do PP recapacite e decidan contar cos veciños para acertar realmente coas necesidades máis urgentes e desexamos tamén que por unha vez actuen con dilixencia e competencia para presentar a relación de obras dentro dos prazos da convocatoria, que remata o 24 de xaneiro”, engadíu o nacionalista.

Para o BNG, é o momento de atender todas aquelas demandas sociais que ata agora o goberno municipal demoraba, coa escusa de que “non hai cartos”.