08 enero 2009

"Por que se molesta tanto o Sr. Alcalde cando o BNG lle pide participación no Fondo de Investimento Local ?", réplica dos nacionalistas na Guarda

A GUARDA (MORRAZO-tribuna).-"A proposta presentada polo BNG sobre o Fondo de Investimento Local para realizar obras durante o anos 2.009, é unha proposta que da resposta a necesidades existentes no Concello da Guarda", afirma Xan Lois Lomba. Dende a formación nacionalista vese con sorpresa a resposta recibida por parte do Alcalde á proposta que presentou o BNG sobre o Fondo de Investimento Local; sobre todo se temos en conta que en ningún momento houbo, pola súa parte, o máis mínimo interese en contar coa oposición en xeral e con este grupo político en particular, así se pode desprender da nota de prensa que alude á proposta presentada polo BNG.

Dende o BNG quéreselle lembrar ao Sr. Alcalde, Domínguez Freitas, que esta forza política non fai propostas para quedar ben cos veciños e veciñas do noso concello, se non que fai propostas en función das necesidades que teñen eses veciños; quizais, son outros os que fan propostas para quedar ben coa xente e poño por exemplo a actuación do PSOE co Vial “Tui-A Guarda”, onde dicían que a ían mandar ao monte e a traen, basicamente, por onde estaba proxectado.

A proposta de proxectos sobre o Fondo de Investimento Local presentada polo BNG é unha proposta aberta e negociábel, porque somos conscientes de que pode haber outras propostas enriba da mesa. En canto á modalidade de discusión para ter unha proposta unánime como Concello, nós propuxemos a celebración dun pleno extraordinario, mais temos claro que a nós válenos unha reunión de portavoces. O importante é que cando hai intención de que a oposición participe, o Alcalde, como máximo representante do concello, debe chamar aos diferentes grupos a oposición e intentar chegar á unha proposta conxunta.

En canto ao prazo, o BNG presentou unha proposta en tempo e forma dado que o prazo comezaba o 10 de decembro do 2008 e remata o 24 de xaneiro do 2009. Así a tardanza é unha burda mentira que o Sr. Freitas utiliza para xustificarse e non deixar participar ao BNG na proposta do Fondo de Investimento Local, demostrándose que, por parte dos nacionalistas, non hai nin despiste nin tardanza simplemente gañas de participar e mellorar as condicións deste pobo.

Polo demais, querémoslle lembrar ao Sr. Alcalde que se imos falar de tardanza e “despiste” podemos falar dos Orzamentos para este ano 2.009, que simplemente NON EXISTEN, e esa e unha responsabilidade directa e exclusiva do grupo que goberna con maioría absoluta, o PSOE, pero sempre lle pode acabar culpando da falta de orzamentos ao portavoz municipal do BNG para enmascarar a súa ineficacia.