14 enero 2009

Programas sociais da Deputación xa están en marcha un ano mais

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- A Deputación Provincial de Pontevedra desenvolverá por quinto ano consecutivo os programas sociais “Pensa en ti” e “Ti tamén contas” dirixidos a mulleres e maiores respectivamente. A Xunta de Goberno celebrada hoxe aprobou o expediente para contratar a organización e impartición das actividades previstas en cada iniciativa. En principio, a entidade provincial destinará un orzamento de 306.000 euros á posta en marcha destes proxectos, pero o orzamento poderá ser ampliado.
O tipo de licitación do “Ti Tamén contas” será de 1.260 euros por curso a razón de 42 euros por hora ata a cantidade máxima de 102.000 euros. Pola súa banda, o prezo estipulado para “Pensa en ti” será de 1.200 euros por curso a razón de 40 euros por hora e ata unha cantidade de 204.000 euros.

“Ti Tamén Contas” é unha iniciativa que busca fomentar a participación e a cooperación social dos maiores. Que estes se conciencien do seu papel activo na sociedade e, ó mesmo tempo, pretende facilitar o acceso dos maiores a cursos sobre desenvolvemento persoal e saúde, ocio e outras materias que lles afectan. No 2008 participaron 1.500 maiores procedentes de 72 asociacións da provincia en actividades de desenvolvemento persoal e saúde; arte e manualidades; cultura tradicional; informática; discapacidade no caso dos maiores.

“Pensa en ti” contou en 2008 coa participación de 5.000 mulleres de toda a provincia integradas en 237 asociacións. Esta iniciativa ten o obxectivo de potenciar os movementos de participación e cooperación social e, en concreto, concienciar ás mulleres do seu papel na sociedade actual, posibilitar o seu acceso a distintas áreas que lle permitan o seu desenvolvemento individual e grupal e, en xeral, fomentar e mellorar a situación das mulleres. Neste caso tiveron acceso a cursos de recepcionista de hotel, auxiliar de axuda a domicilio, panadería e repostería, camareira de pisos ou limpeza profesional. Tamén de arte floral e flores secas, bailes de salón, tai chi, masaxe terapéutico, patchwork, ou pilates.