VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O portavoz nacional e candidato á presidencia da Xunta polo BNG, Anxo Quintana, asegurou hoxe no acto dos nacionalistas no 59 cabodano de Castelao, que “as vindeiras eleccións van ser unha proba de confianza no país para todos os cidadáns galegos e de todas as forzas políticas”. “O que decidimos o próximo un de marzo é a calidade do noso autogoberno, escollemos un presidente para Galiza e non para Madrid ou para Euskadi”, enfatizou. Así mesmo, lembrou que os intereses de Galiza deféndense “en Madrid e tamén aquí”.
Segundo Quintana, “hoxe hai unha maioría social que sabe que canto máis BNG no Parlamento, máis autogoberno para Galiza, e canto máis autogoberno, máis benestar para a cidadanía”.
“O BNG quere dirixirse a todos e todas as galegas que levan a Galiza no corazón, para xuntarse nun anceio colectivo de liberdade. Non hai ningunha peaxe que pagar para apoiar o Bloque Nacionalista Galego”, afirmou.
Relación bilateral co Estado
“Hai un ano, aproximadamente, pediamos o apoio dos cidadáns galegos para termos máis forza en Madrid, e fomos capaces através da nosa representación e da nosa presenza no goberno galego, de entablar unha relación bilateral co Estado”, sinalou.
En referencia ao debate sobre o financiamento autonómico, asegurou que “o modelo catalán non nos serve, a nós só nos serve o modelo galego”. O candidato nacionalista á presidencia e actual vicepresidente sinalou que “si o BNG, en vez de ter dous deputados en Madrid tivese oito, e así puidese asegurar a estabilidade do goberno estatal, nós conseguiriamos tamén un financiamento xusto para o noso país”. “E por iso hai milleiros de cidadáns que, independentemente de a quen votasen noutra ocasión, miran para o BNG como o mellor instrumento para defender os intereses de Galiza”, concluíu.
Antiimperialismo e solidariedade con Palestina
Para Anxo Quintana, “a mellor homenaxe que o BNG lle pode brindar a Castelao é un proxecto político ao servizo do país: transformador, que defenda os intereses das maiorías sociais e antiimperialista”. Así, o portavoz nacional do BNG pediu, como homenaxe a Castelao, “a fin do xenocidio contra o pobo palestino”.
Gobernar “con esforzo e intelixencia”
O vicepresidente da Xunta valorou a actuación dos nacionalistas no goberno galego como un exemplo de esforzo e intelixencia. “Nós demostrámoslles aos galegos do que somos capaces, e hoxe temos que salientar aquelo do que seremos capaces no futuro”, afirmou.
“Cantas veces tivemos que escoitar que o Medio Rural non tiña futuro neste país? Pero fomos capaces de albiscar marcos lexislativos que sustentasen novas políticas neste ámbito. Foi o nacionalismo o que puxo en marcha a rede pública de servizos sociais, tan necesaria agora en momentos de crise. No tempo en que imperaba o economicismo, en vez de falar da bolsa fomos capaces de falar da xente, fomos quen de poñer as políticas para a xente no centro do debate político”, afirmou.
Para Quintana, os nacionalistas exerceron un goberno democrático, “porque a democracia significa que as decisións que afecten ao pobo se tomen en institucións elexidas polo pobo e non en determinados ámbitos mediáticos ou empresariais”, asegurou, en referencia ao concurso eólico. O portavoz nacional do BNG sinalou que a modificación das políticas enerxéticas permitirá xerar 8.000 postos de traballo e conseguiu que os beneficios se distribúan entre todos através da participación pública nas empresas
“Os que afirman que o concurso está mal, que digan a que empresa hai que retirarlle a concesión e tamén a qué empresa de fóra do país hai que darlla”, dixo.
Participación pública na AP-9
Quintana prometeu que “no noso programa incluiremos que haxa unha participación pública en Autopistas do Atlántico e que así haxa control público sobre unha infraestrutura básica para o país”.
“Non nos importa quedar sós, porque o BNG está acostumado a remar contra corrente”, asegurou. Nesa liña, lembrou que o BNG tamén estivo só inicialmente en defender a necesidade dun novo Estatuto ou na defensa dun complemento autonómico para as pensións máis baixas, para finalmente conseguir un consenso maioritario en torno ás súas posicións
Estatuto de Nación
Anxo Quintana propuxo catro cuestións fundamentais para o novo Estatuto galego: o recoñecemento nacional de Galiza; un catálogo de competencias blindado e ampliado respecto do actual; un sistema de financiamento xusto, “que non pasa por saber canto nos vai dar Madrid, senón por saber con cantos cartos nosos nos podemos quedar antes de llos mandar a Madrid”; e por último, conseguir un status xurídico para o galego ao mesmo nivel que o castelán.
Así, lembrou o dereito dos cidadáns a coñecer as propostas sobre o Estatuto que van facer as demais forzas políticas e pediulles “que se pronuncien con claridade, como o fai o BNG”.
Proposta de dous debates durante a campaña
Por último, Quintana esixiu “que nos comprometamos todos a debater estas cuestións nos medios públicos de comunicación ou en todos os privados que se queiran prestar”.
“Eu irei a todos os debates: agora ben, que non se falsee a realidade, porque debates xa os houbo. Nas pasadas eleccións houbo un debate na TVG entre os candidatos: eu fun, pero os representantes do PP e PSOE non. Nas municipais houbo de novo debate: e de novo eu fun, pero os demais non, até que nas eleccións xerais houbo por fin debate a tres”, lembrou.
“Eu veño de propor dous debates na TVG: un sobre a crise e outro sobre o autogoberno e un novo Estatuto. Convido ás demais forzas políticas a demostrar que ademais de falar, van facer algo e estar á altura das circunstancias”, concluíu.
Adelina Ces
O acto abriu coa intervención da portavoz municipal nacionalista, Adelina Ces, quen tivo palabras de recordo para os traballadores afectados pola crise “ocasionada polo capitalismo máis salvaxe”.
Así mesmo, recordou a actuación das áreas do goberno galego xestionadas polo BNG: en concreto, a creación do parque empresarial da Barbanza e a rehabilitación do Casco Vello de Rianxo.