16 enero 2009

Quintana reivindica el compromiso del BNG con las gentes de a pie y con las esencias de Galicia

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, interveu esta noite en Xinzo de Limia nun acto incluído na campaña “Con máis autogoberno. Unha economía ao servizo da xente”. O seu discurso tivo como eixo a crise económica, entendida como crise do modelo neoliberal, e a alternativa dos nacionalistas galegos ante esta situación.

O candidato nacionalista á presidencia da Xunta asegurou que o BNG vai experimentar un forte ascenso na provincia de Ourense porque “ten demostrado ser unha forza política comprometida coa xente e disposta a defender a Galiza en calquera trance”.

O portavoz nacional dixo que “o benestar en Ourense depende de que se sigan facendo as políticas valentes de valorización do medio rural como as que levou adiante nesta lexislatura Alfredo Suárez Canal”.

Neste inicio da precampaña, o líder do BNG quixo desenvolver na súa intervención os tres eixos programáticos do proxecto de país do nacionalismo que se centrarán en “facer políticas para a xente, desenvolver un proxecto transformador e defender os intereses de Galiza”.

Neste sentido, Quintana salientou que as medidas que propón o BNG para saírmos desta situación de crise pasan, necesariamente, por “facer política para a xente porque neste momento fálase demasiado dos bancos e das grandes operacións económicas e pouco da xente que está no paro, a que ten medo a perder o seu traballo, como está a suceder en Citroen, ou dos que non saben se poderán pagar a hipoteca a fin de mes”.

Asi, o portavoz nacional afirmou que “é esa xente a que lle preocupa ao BNG, a xente para para a que queremos facer política” e de aí, tal e como indicou, a necesidade de reforzar algunhas das medidas impulsadas polo nacionalismo desde o goberno como o Sistema Galego de Benestar ou o Plan Sectorial de Vivenda.

No segundo eixo do programa, Quintana destacou a necesidade de crear instrumentos como un Instituto de Crédito Oficial, “precisamos tamén tomar novas medidas, como a creación dun Instituto Galego de Crédito Oficial, porque é necesario que a Administración Pública cubra o terreo que a banca non está a cubrir”, indicou.

Na mesma liña, defendeu a necesidade de seguir avanzando na posta en marcha de medidas de “política valentes e innovadoras, como o Banco de Terras que debe consolidarse nesta nova lexislatura”.

Finalmente, Quintana indicou que Galiza “ten que ocupar o lugar que institucionalmente lle corresponde no estado español e para iso está aí o BNG porque todo o mundo sabe que o Bloque é garantía de defensa dos intereses do país”.

Pola súa banda, o número un da candidatura do BNG pola provincia de Ourense, Alfredo Suárez Canal, resaltou a aposta global que fixo a Consellaría do Medio Rural pola comarca da Limia, "a que ten a maior aptitude agrícola de Galiza e unha das que conta cun maior potencial no sector agroalimentario, tanto produtor como transformador".

Neste sentido, subliñou as melloras realizadas nas infraestruturas agrarias, en materia de concentracións parcelarias, sistemas de regadío e acceso ás fincas, co fin de facilitar o traballo nas explotacións da zona, así como o apoio ás producións de calidade, que teñen na IXP Pataca de Galicia, o máximo expoñente desta comarca.

Suárez Canal referiuse tamén a iniciativas novidosas, como a posta en marcha do Banco de Terras, que procura incrementar a viabilidade das explotacións facilitando a recuperación e o cultivo de terras abandonadas por parte de agricultores profesionais.

No caso da Limia, este instrumento serviu ademais para que varios mozos e mozas puideran incorporarse á actividade agraria e acceder á base territorial que precisaban, tanto para comezar a realizar o seu traballo como para recibir as axudas dirixidas á súa instalación neste sector.

En definitiva, o candidato ourensán considera que "a revitalización experimentada nesta lexislatura polo sector agroalimentario da comarca da Limia" ten que ter unha continuidade nos próximos anos, mediante o
fortalecemento das estruturas produtivas, a recuperación de superficie agraria útil, o fomento do relevo xeracional nas explotacións, a mellora da calidade de vida no rural e o apoio empresarial para seguir pechando ciclos
produtivos. Por todo isto, concluíu, "a única opción política que soubo e seguirá sabendo estar ao lado dos produtores galegos é o BNG, como o demostran os avances rexistrados neste tempo e os que faltan por conquerir no curto e medio prazo".