15 enero 2009

A rede de comercio rural galego avanza

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- A directora xeral de Comercio, Ana Rúa, visitou esta mañá un novo establecemento adherido á Rede de Comercio Rural Galego, Casa de Porto, situada no concello pontevedrés de Barro, na parroquia de Curro. No acto de inauguración tamén estiveron presentes a delegada da Consellaría de Innovación e Industria en Lugo, Montserrat Prado, e o xerente de Galicia Calidade, Ignacio Louzao.


Coa posta en marcha de Casa de Porto, son xa dous os establecementos adheridos á Rede de Comercio Rural Galego na provincia de Pontevedra. A comezos do 2008, púxose en marcha o establecemento piloto no concello de Ponte Caldelas, Casa Xustáns.

En concreto, no establecemento inaugurado hoxe en Curro, a Consellaría de Innovación e Industria, a través da súa Dirección Xeral de Comercio, achegou un total de 100.000 euros da inversión total, que ascendía a 143.000 euros. No caso de Casa de Porto trátase da apertura dun novo establecemento trala rehabilitación integral dun alpendre destinado anteriormente a outros fins.

Habilitouse unha área de almacén, unha área para autoservicio e unha zona de bar, ademais da dotación de todo o equipamento necesario para o servizo de cociña. Dispuxéronse aseos adaptados para a accesibilidade de persoas con discapacidade e, por outro lado, dotouse ao establecemento dun Terminal de Punto de Venta (TPV) e ferramentas de xestión empresarial modernas, que xunto coa formación que recibiron os comerciantes axudan a consolidar a viabilidade deste proxecto. Ademais, tamén se produciu unha actuación integral do seu aspecto exterior dotándoo dunha modernización sen rachar coa súa tradición.

Casa de Porto, que así se chama este establecemento, abre agora as súas portas para dar servizo a unha parroquia como a de Curro e facilitar así as condicións de vida ás súas veciñas e veciños, ofertando todos aqueles produtos de primeira necesidade, produtos ecolóxicos e de Artesanía de Galicia, así como facilitando o acceso ás novas tecnoloxías.