VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, adiantou esta mañá na Coruña, onde mantivo o cuarto encontro coa comunidade inmigrante residente en Galicia, que a Xunta investirá 31 millóns de euros no Plan Galego de Cidadanía, Convivencia e Integración 2008-2011, un programa que engloba a acción integral da Xunta no eido da inmigración. “Cidadanía, integración e respecto: esas son as tres ideas clave para afrontar con éxito os novos movementos demográficos do século XXI, nuns momentos, ademais, de crise económica, que esixen maiores esforzos de solidariedade e acollemento”, remarcou o titular do Goberno galego, quen destacou a posta en marcha, este ano 2009, do Servizo Galego de Mediación Intercultural (SGMI), co fin de “orientar, asesorar e apoiar” aos inmigrantes residentes en Galicia.
Pérez Touriño, que estivo acompañado polo secretario xeral de Emigración da Xunta, Manuel Luis Rodríguez, salientou que a actuación en materia de inmigración que está a desenvolver Goberno galego inclúe unha fonda consolidación das axudas aos concellos “para fortalecer o acceso da poboación inmigrante aos servizos básicos desde a proximidade”. O presidente galego adiantou que, tamén no ano 2009, se creará o Programa de avaliación pluridisciplinar e territorial da inmigración, co que se tratará de coñecer a realidade migratoria naqueles lugares con maior presenza de inmigración; e o Programa de diagnose das características da inmigración en Galicia, un proxecto con finalidade de xestión e de análise sociolóxica do fenómeno migratorio que se levará a cabo nas sete grandes cidades galegas e no Consorcio das Mariñas.
“A Xunta de Galicia seguiu, neste pouco máis de tres anos de Goberno, unha liña de actuación que garantirá a convivencia intercultural e o respecto á diversidade, e fomentar a integración social e laboral da poboación inmigrante”, resumiu o presidente galego quen destacou, entre as medidas postas en marcha pola Xunta, a creación do Consello Galego da Inmigración e a constitución da Comisión Permanente contra o Racismo e a Xenofobia. Touriño explicou que a consolidación, no ano 2008, do Mapa Galego de Concellos con Servizos de Atención á Inmigración fixo que a Comunidade estea en disposición de chegar “ao 100% da comunidade inmigrante”.
O titular do Goberno galego, quen anunciou que se acentuarán as políticas de emprego dirixidas á poboación inmigrante, destacou, ademais, as medidas postas en marcha pola Xunta nestes momentos de dificultade económica e remarcou que as dificultades económicas non frearán as políticas de igualdade. “As medidas do Goberno que presido, neste época de crise, pensan na revitalización económica, e no apoio aos sectores máis afectados ou con máis risco de padecemento, como o da construción, con abundante man de obra inmigrante”, afirmou.
Nesta liña, Pérez Touriño explicou que a Xunta traballa en dúas estratexias para mellorar a integración dos inmigrantes: a supresión das desigualdades, e a ampliación, adaptación e adquisición de competencias. O presidente galego remarcou, por último, o especial acento posto nestes anos en dous eixes transversais: o xénero e a xuventude. “Ás mulleres, porque aos problemas de residir lonxe dos seus lugares de orixe, se engaden os derivados da discriminación; e aos máis novos, porque están a iniciar, e non sen dificultades, a súa andaina como cidadáns galegos do futuro”, explicou.
“95.000 novos cidadáns galegos”
O presidente galego destacou que o número de estranxeiros censados en Galicia supera as 95.000 persoas, case un 15% máis que o ano anterior, cando se multiplicara por 3 a cifra do ano 2000. Touriño salientou que esta cifra supón máis do 3% da poboación total de Galicia. “A Comunidade está experimentando un proceso de acollida de novos cidadáns despois de décadas padecendo un proceso de perda de habitantes orixinarios. Inverteuse a tendencia e non é malo porque é sinal de que somos xa un territorio de oportunidades”, remarcou.
Pérez Touriño afirmou que esta inmigración, ademais do retorno dos emigrantes, debe contemplarse “como unha oportunidade” e lembrou que ninguén cuestiona xa que a emigración contribuíu a definir a identidade galego en termos positivos. “ A sociedade galega é unha comunidade aberta en relación coas xentes que se aproximan a nós en busca de traballo e dunha vida mellor, porque ela mesma, no seu propio ser, nas súas xentes coñeceu o fenómeno da emigración. Non sería bo, nin xusto, xestionar o actual fenómeno migratorio sen memoria”, asegurou.
O presidente galego manifestou, ademais, o desexo da Xunta de que estes 95.000 inmigrantes, sexan 95.000 “novos cidadáns galegos, españois e europeos en plenas condicións, sen ter que esquecer nin renunciar ás súas raíces”. “Ser cidadán comporta deberes e dereitos en igualdade, sen reparar na orixe”, remarcou Pérez Touriño, quen destacou que Galicia debe exhibir “como emblema distintivo” a igualdade de oportunidades: “en educación, en emprego, en sanidade, en servizos sociais”. “A discriminación por razóns étnicas, culturais, relixiosas ou de xénero non ten cabida na nosa terra”, aseverou.
Pérez Touriño apostou pola construción dunha Galicia “social, inclusiva, sen divisións e sen barreiras” apostando por aquilo “que nos une, que nos integra, desde o respecto á diversidade e á diferenza”, xa que isto nos fai “máis forte como país e como colectividade”. “O noso norte é claro: facer un país máis forte, aposta pola cidadanía, a integración e o respecto”, concluíu.