LISBOA (MORRAZO-tribuna).- O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, entrevistarase hoxe en Lisboa co primeiro ministro portugués, José Sócrates, co obxectivo de fortalecer as relacións de cooperación co país veciño e impulsar o proxecto de conexión do tren de alta velocidade entre Galicia e Portugal. A reunión servirá de preparación para o Cumio Hispano-Porutugués que se celebrará en Zamora o día 22.
“Este luns día 12 terei oportunidade de manter un almorzo co primeiro ministro Sócrates, un xantar e unha entrevista de traballo para reforzar os vínculos, as políticas de cooperación entre Galicia e Portugal”, adiantou o presidente na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, na que destacou que ao longo desta lexislatura dedicou “unha boa parte da enerxía como presidente” a impulsar “ao máximo esa estreita relación de cooperación, de integración” de Galicia e o Norte Portugal na eurorrexión
Nesa reunión e xantar de traballo con Sócrates, porase especial atención na marcha dos traballos para a execución da liña de AVE Galicia-Portugal. O presidente, que anunciou que o tramo de AVE entre O Porriño e a fronteira con Portugal estará a estudio informativo no BOE nun prazo non superior a 10 días, explicou que se lle dará un novo pulo a este proxecto, que cualificou de “decisivo e estratéxico para Galicia”.
Na reunión entre ambos mandatarios revisarase así mesmo a posta en marcha da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal, que ten a súa sede en Vigo, e analizaranse a cooperación específica en materia ambiental entre ambos os dous territorios.
Emilio Pérez Touriño tamén anunciou que se entrevistará co ministro do Ambiente, Ordenación do Territorio e Desenvolvemento Rexional, Francisco Nunes Correia, e co ministro de Obras Públicas, Transportes e Comunicacións, Mario Lino. “Polo tanto, teremos ocasión de falar a fondo e de impulsar estes proxectos, que non están parados en ningún caso, onde seguimos mantendo os obxectivos e a estreita cooperación e colaboración”, expresou.
Na súa viaxe á capital de Portugal, o presidente da Xunta esta acompañado polos conselleiros de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María José Caride, e de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Manuel Vázquez.