VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O portavoz parlamentario do PPdeG, Manuel Ruiz Rivas, considera que calquera novo anuncio que efectúe a ministra de Fomento, Magdalena Álvarez, en relación coa ampliación e mellora do trazado da Autoestrada do Atlántico será considerado como un intento de engano a menos que ofreza garantías reais para a súa materialización. “Se a ministra de Fomento quere que nos fiemos dela debe poñer xa encima da mesa os cartos necesarios para ampliación da AP-9, posto que sen eles, os galegos pensaremos, e con razón, que se trata dunha trola máis das moitas ás que nos ten acostumados”, agrega Ruiz Rivas.
O voceiro parlamentario popular recorda que “sen cartos e compromisos temporais concretos, a ampliación de Rande non pasará da fase de maqueta, mentres que as obras da segunda ponte sobre a baía de Cádiz xa están executadas nun 25%”.
Así, mentres a Cádiz destina 273 millóns de euros para financiar a construción da segunda ponte para mellorar os accesos á cidade, a ministra de Fomento visitou Vigo cos petos baleiros de cartos pero repletos de boas palabras a sabendas de que vai incumprir a maior parte de canto promete en Galicia, como ten demostrado nos máis de catro anos transcorridos desde que tomou posesión dese cargo.
COMPLEXO DE INFERIORIDADE DE TOURIÑO
Ruiz Rivas acusa ao presidente da Xunta de actuar con preocupante complexo de inferioridade ante a ministra de Fomento, da que só recibe aldraxes, mentres ese departamento ministerial destina a outras Comunidades, como Andalucía, os orzamentos que debería investir en Galicia para mellorar as súas deficitarias infraestruturas de comunicación terrestre.