VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- Xa se pode consultar en Internet a páxina web sobre as eleccións ao Parlamento de Galicia (http://www.eleccions09.xunta.es) que se celebrarán o próximo 1 de marzo de 2009. O sitio, posto en marcha pola Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, está dispoñible en galego e castelán, e pódese acceder a el dende os navegadores máis comúns. Ofrece información ao elector, datos sobre o proceso electoral, resultados de anos anteriores e calendarios; así como a posibilidade de recibir por SMS os avances de resultados en tempo real.
A web –á que tamén se pode acceder dende un enlace na páxina principal da Xunta (http://www.xunta.es/)- conta con varios apartados nos que se organiza a información sobre os distintos aspectos do proceso electoral. Así, en Información ao elector pódense atopar datos sobre a acreditación do dereito a voto, os métodos de votación –presencial, por correo, accesible, do electorado temporalmente no estranxeiro, dos inscritos no censo especial de residentes ausentes no estranxeiro, do persoal embarcado ou en situacións excepcionais vinculadas á defensa nacional e dos electores en penitenciarías-, as mesas e locais e a posibilidade de recibir os resultados por SMS.
Sobre isto, o cidadán que o desexe poderá solicitar a recepción no seu móbil dos resultados de avances e o reconto provisional mediante o envío de SMS durante a xornada electoral. Poderase pedir a información dun momento preciso do reconto ou mediante unha subscrición na que se darán os datos do reconto en cada fase do mesmo (ao 25%, 50%, 75% e 100%). A mensaxe conterá os porcentaxes de escrutinio e de abstención e o número de cargos obtidos por cada candidatura.
Campaña, candidaturas e calendario
Doutra banda, no apartado sobre Preguntas frecuentes respóndese a dúbidas sobre dereitos e deberes dos electores, inscrición no censo electoral, formación das mesas electorais, votación -en persoa, por correo e dende o estranxeiro- e presentación de candidaturas.
En A votación explícanse os procesos do desenvolvemento desta e do escrutinio; e en Campaña institucional recóllese o marco legal da mesma, con enlaces aos textos das normas que a rexen. En Candidaturas ofrécese información sobre os prazos de presentación das mesmas –neste caso entre o 21 e o 26 de xaneiro- e sobre quen pode facelo, e tamén sobre a campaña electoral.
Na sección Calendario electoral inclúense unha axenda que se actualiza diariamente e que indica en que prazo está o proceso; e dúas máis nos que aparecen subliñadas as datas máis importantes tanto para os candidatos como para os electores. Así mesmo, permite a descarga en formato pdf dunha táboa con todos estes datos.
En Eleccións anteriores están os resumos dos resultados dos procesos electorais que tiveron lugar entre 1981 e 2005, e Lexislación electoral é un compendio das normas estatais e autonómicas sobre esta materia.
En Administración electoral fálase das xuntas electorais Central, de Galicia, Provincial e de Zona -de todas elas explícase a súa definición, composición, funcións e enderezo-, e en Representantes da Administración se di quen son e como actúan. Por último, inclúese unha sección con enderezos de interese.
Ademais, a páxina web conta cun enlace á do Instituto Nacional de Estatística con información referida ao Censo Electoral das eleccións ao Parlamento de Galicia.