03 octubre 2008

Orzamentos do Estado para Galiza :
o portavoz do BNG no Congreso considera “cínica e demagóxica”
a actitude do PPdeG

MADRID (MORRAZO-tribuna) .- O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, asegurou hoxe que os Orzamentos do Estado para 2009 “son continuístas e insuficientes para dar cumprimento aos grandes proxectos que Galiza aínda ten pendentes”.
Francisco Jorquera adiantou en rolda de prensa que no proceso de negociación que agora se abre nas Cortes “o BNG vai traballar con esixencia e firmeza para mellorar os orzamentos para Galiza, pero tamén con responsabilidade, porque somos conscientes de que estamos nun momento de crise económica e de que todos temos que arrimar o ombreiro”.

Os puntos fundamentais para o BNG
Neste sentido, o deputado nacionalista enumerou os “mínimos esixíbeis para o BNG neste proceso de negociación e que son amplamente asumíbeis e compartidos pola sociedade galega e unanimemente apoiados polo Parlamento de Galiza”.
En primeiro lugar, o BNG esixirá un “incremento cuantitativo” do investimento en Galiza, “porque que se destine a Galiza un mínimo do 8% do investimento territorializado en infraestruturas é unha condición necesaria pero non suficiente”. A este respeito, salientou que, se ben é certo que no proxecto de Orzamentos para 2009 Galiza é a sexta comunidade por volume de investimento, “por poboación somos a 5º comunidade autónoma, por PIB per cápita somos a cuarta comunidade máis necesitada de fondos e se temos en conta o déficit acumulado en infraestruturas a posición debería ser aínda superior”.
En segundo lugar, Jorquera adiantou que o BNG esixirá “introducir melloras cualitativas nos orzamentos, cunha distribución máis racional do gasto, de xeito que, por exemplo, infraestruturas como o ferrocarril de alta velocidade do Eixo Atlántico teña máis pulo”.
Ademais, subliñou que o BNG esixirá que se executen integramente as partidas consignadas. Para iso, adiantou que “para o BNG é imprescindíbel que o Goberno Central pacte bilateralmente con Galiza un mecanismo que lle garanta á sociedade galega un calendario de actuacións en infraestruturas, cunha dotación económica plurianual e cunha comisión de seguimento que garanta o seu cumprimento”.
E en cuarto lugar, Francisco Jorquera anunciou que a outra punto de partida mínimo para o BNG encetar a negociación co Goberno para dar o seu apoio aos orzamentos, “é o incremento do nivel competencial de Galiza para dar cumprimento a demandas unánimes do Parlamento galego como o traspaso de Tráfico e Seguridade Viaria”.